Pena de cadea por publicar en Twitter unha imaxe da vítima da Manada

mércores, 5 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A divulgación de información sensible a través de redes sociais pode ser todo problema do que moitos non son conscientes pola falta de cultura ao respecto, e como mostra diso temos unha sentenza do Xulgado do Penal nº 4 de Pamplona, que vén de condenar a 2 anos e un día de cadea a A.Q.S., un home de 30 anos residente en Valladolid, por un delito de revelación de segredos e outro contra a integridade moral por publicar en Twitter unha fotografía na que aparecía a vítima da Manada mentres era agredida.
Os feitos acontecidos na madrugada do 7 de xullo de 2016 conseguiron unha grande repercusión na Rede, e a imaxe divulgada pertencía ao sumario do caso na Audiencia de Navarra (estando prohibida a súa difusión), considerándose que a publicación da mesma en Twitter supuxo unha revitimización para a moza agredida, que puido ser recoñecida por terceiras persoas (entre os que figuran coñecidos e familiares). Ante a situación a vítima decidiu abandonar os estudios e marchar a vivir temporalmente ao estranxeiro, deixando claro o «dano moral que causaron os feitos» denunciados.
O acusado tamén terá que indemnizar á vítima con 6.000 euros polo mencionado dano moral e pagar unha multa de 4.680 euros. A resolución aínda non é firme.

PUBLICIDADE