Pedro Alonso arrasa globalmente en Netflix

martes, 2 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A publicación da listaxe de produtos audiovisuais de máis éxito na derradeira semana de 2023 en Netflix a nivel mundial déixanos ver como a primeira parte de Rebel Moon, pese a ser moi criticada, consegue situarse nunha posición líder entre as películas de fala inglesa con 34 millóns de visualizacións, mentres que entre as de fala non inglesa pode abraiarnos ver como conseguiu coarse no primeiro posto a brasileira Meu cunhado é um vampiro con 7,6 millóns de visualizacións.
Pero a grande sorpresa chega cando miramos no apartado de series de televisión, xa que a produción líder de fala inglesa, Ricky Gervais Armageddon, con 8 millóns de visualizacións, queda por detrás da produción líder de fala non inglesa, a primeira tempada de Berlín, con 11,3 millóns de visualizacións a nivel mundial.
A boa acollida de Berlín reflectiuse claramente ao coarse no Top 10 de Netflix en 88 países (colocándose no primeiro posto en 39 países), polo que podemos entender que a produción protagonizada polo vigués Pedro Alonso ten garantida unha segunda tempada.
As 74,3 millóns de horas que os subscritores de Netflix destinaron a ver Berlín durante a derradeira semana de 2023 pode servir tamén como argumento para asegurar sen lugar a dúbidas que Pedro Alonso é o galego con maior proxección internacional, cando menos no panorama audiovisual.

PUBLICIDADE