Paula López, directora adxunta do CiTIUS, máxima responsábel do proxecto europeo MENELAOS
martes, 9 de marzo do 2021
A
directora
adxunta do CiTIUS da Universidade de Santiago, Paula López Martínez,
foi elixida como a máxima responsábel do proxecto MENELAOSNT,
unha rede de formación de novos doutores a nivel europeo financiada
polo competitivo programa de axudas Horizonte 2020. En virtude disto,
a dirección científica do proxecto (coordinado até o de agora
dende a Universidade de Siegen, Alemaña) trasládase desta maneira
ao centro de investigación en Intelixencia Artificial situado en
Santiago de Compostela, mentres que a coordinación executiva da
actividade dos socios seguirá realizándose desde a institución
alemá.
O
nomeamento, proposto polo director saínte do proxecto, o
investigador Otmar Loffeld (que seguirá vinculado ao proxecto como
consultor científico), converte tamén á directora adxunta do
CiTIUS en permanent guest scientist
da Universidade de Siegen.
O
proxecto MENELAOSNT afronta o reto urxente de explorar o mundo que
nos rodea a escala micro e macroscópica, a través da ciencia e a
tecnoloxía. O obxectivo desta rede de investigación é
“proporcionar aos científicos coñecementos máis profundos, unha
mellor comprensión e máis información para entender e facer
monitoraxe dos procesos que teñen lugar na nosa contorna, co
obxectivo de poder predicir, e mesmo controlar, posíbeis evolucións
críticas”.
Segundo
explica o CiTIUS, o proxecto MENELAOSNT aplica novas tecnoloxías
para realizar unha fusión de datos multimodal-multisensor, é dicir,
conseguir combinar de maneira óptima os datos rexistrados por
diferentes tipos de sensores e a diferentes escalas, con diferentes
resolucións e distinta fiabilidade.
Integrado
por 7 socios de 5 países diferentes, o consorcio está dotado cun
orzamento global de máis de 3,6 millóns de euros en total,
destinados a impulsar novas xeracións de científicos en liña cos
Principios da UE sobre Formación Doutoral Innovadora.