Own the way leva o casco vello compostelán aos nosos móbiles

venres, 10 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Os peregrinos, a choiva, o son das badaladas da catedral, a torta de améndoa, os gaiteiros dos soportais ou o “clavelitos” da Tuna da Universidade, entre outras moitas cousas, son marcas da casa do casco antigo compostelán que é preciso vivir de primeira man para decatarse da magnitude e esplendor desta cidade, así como da carga simbólica que agocha detrás de cada pedra.
Porén, como reza o anuncio, “para todo lo demás...” e para coñecer Santiago sen ter que viaxar ata ela (que tamén é posible), temos á nosa disposición o que máis se aproxima á realidade neste momento: a ruta turística virtual de Own the way, dispoñible de balde en Layar®.
Trátase dunha ruta turística virtual en tres dimensións (a OTW360 Santiago) que permite visitar o casco antigo compostelán a través da realidade aumentada, e que nos achega información detallada de ata 29 puntos de interese (POI) de maneira moi explícita.
Todos estes puntos conforman unha ruta que percorre os espazos máis emblemáticos da cidade monumental cun realismo difícil de imaxinar, con vídeos explicativos, fotografías ilustrativas e locucións en galego castelán e inglés.
A aplicación, que xa está activa dende o pasado decembro, funciona nos teléfonos de última xeración con acelerómetro, conexión a Internet e GPS, e os usuarios que a descarguen poden non só ver unha fotografía do punto de interese concreto (que moitas veces axuda a distinguir o monumento, edificio ou detalle relevante), senón que poden acceder a un vídeo explicativo, e escoitar a historia e as anécdotas máis relevantes relacionadas con ese POI.
A mesma información está dispoñible en formato texto, procurando deste xeito facilitar a accesibilidade ao máximo numero de visitantes.
Ademais dos contidos, o usuario pode escoller os POI que quere visitar entre unha listaxe predeseñada e chegar até alí (no caso de estar na cidade) simplemente premendo o botón Como ir, deixándose guiar polas rúas do casco vello co GPS do seu móbil.
Con todo, e segundo os seus creadores, “para evitar que ninguén se perda”, a aplicación tamén dá a opción de ver os POI en formato mapa, de xeito que o usuario poida localizar facilmente calquera dos 29 puntos de interese que forman parte do percorrido e guiarse por si mesmo ata eles.
Para descargar esta capa de Own the way no móbil tan só é necesario ter instalada a aplicación Layar®, buscar a capa OTW360 Santiago, e comezar a gozar dun paseo virtual por Compostela.

PUBLICIDADE