Os vehículos solares centran unha nova sesión dos Amigus Labs

xoves, 23 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este vindeiro mes de xuño as argalleiras e argalleiros que queiran avanzar nas súas capacidades e coñecementos van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros maker que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes. A cita será os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca Profesional de Música das Pontes. Será a edición 19.2 dos Amigus Labs. Avanzarase nos tres proxectos que levarán á comunidade Amigus á cuarta Regata Solar que organiza Marine Instruments en Baiona o vindeiro 22 de xuño.
Trátase de tres proxectos abertos, realizados ao abeiro do Fab Lab de Amigus, nos que calquera pode participar para fomentar a creatividade en común e a colaboración. En todos eles empréganse software e hardware libre ou de código aberto.
As tarefas pendentes son as seguintes:
Por unha banda, cómpre rematar a programación e configuración dun banco de probas, para analizar de forma sinxela a eficiencia de distintos motores e hélices e verificar cal achegará un meirande rendemento. O prototipo desenvolveuse con dous Arduinos Nano, sensores de IR e UV, un sensor de carga e un voltímetro mediante un divisor de corrente. Os valores que se avaliaron nos Amigus Labs previos foron en parte os empuxes que fornecen cada conxunto de hélices e o motor en función de diferentes condicións de corrente simuladas que se obteñen coa placa solar.
Outro dos labores a retomar é a construción do barco solar, de novo deseñado e impreso en 3D e que está xa nun avanzado estado de desenvolvemento: restan uns derradeiros retoques de pintura no casco, e falta engadirlle a electrónica e mecánica e comenzar as probas de navegación no Lago das Pontes. Segundo informan dende Amigus, “este ano o buque ten un deseño máis eficiente, baseámonos unha vez máis no deseño dun trimarán con hydrofoil, que esperemos que nos faga un excelente rendemento, tal e como fixo nas probas do simulador”.
O terceiro dos proxectos é un coche solar, que se está acabando de imprimir en 3D, evitando botar man (no posíbel) de pezas comerciais. Durante a Amigus Labs montaranse e deseñaranse as partes de hardware e software libre para o control.
Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para xantar de 14:00 a 16:00 o sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.

PUBLICIDADE