Os novos ultraportátiles de baixo custo chegan ás tendas españolas

mércores, 16 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Imaxe do micro-site do Akoya Mini na web de MediaMarkt

A primeira xeración de ordenadores ultraportátiles de baixo custo, que viñan con pantallas de 7 polgadas, chegaron a España con moito retraso, pero a renovación destes equipos parece que está a desembarcar nas nosas tendas antes que nas norteamericanas, e así os últimos catálogos de centros comerciais coma MediaMarkt e PC City inclúen varios dos novos modelos.
No caso de PC City sorprende coma no catálogo corresponde ao período de entre o 17 e o 31 de xullo figura un apartado para netbooks, cos vellos Airis Kira 100 e Asus Eee PC 701 que curiosamente se venden máis caros que o novo Acer Aspire One, que na súa versión con procesador Intel Atom 270, 512 Mb de RAM, disco de 8 Gb, Wi-Fi, webcam, sistema operativo Linux e pantalla de 9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles se vende a só 299 euros, de xeito que se sitúa como unha das ofertas máis económicas e atractivas do mercado.
Pero a moitos poderá sorprende aínda máis a oferta do MediaMarkt, onde venden o Medion Akoya E1210 Mini (unha das versións remarcadas do prestixioso MSI Wind) que por só 399 euros presenta un impresionante ultraportátil cun procesador Intel Atom a 1,6 MHz, con 1 Gb de RAM, 80 Gb de disco duro, pantalla de 10 polgdadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, unha webcam de 1,3 Mpíxeles, 2 portos USB, saída VGA, lector de tarxetas SD, Wi-Fi e, sorprendentemente, unha batería de 6 celas (que noutros modelos de ultraportátil non estarán dispoñibles ata dentro de 2 meses) que lle permite unha autonomía de máis de 5 horas. Este equipo tería un peso de 1,2 quilogramos, de xeito que combinaría unha alta portabilidade cunha potencia aceptable e un tamaño de pantalla válido para un uso medianamente prolongado (o que non permitían os equipos con pantallas de 7 polgadas, agás para o seu uso por parte de cativos).

PUBLICIDADE