Os monólogos tecnolóxico-humorísticos de R chegan á Coruña

mércores, 21 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Segue adiante a xira de R destinada a facer repaso da nosa historia tecnolóxica recente, da que falamos os días pasados para dar da cita en Ferrol e para informar do punto de vista empregados para o balance de fitos (e dos non tan fitos, que tamén): o punto de vista do humor a través das dúas décadas de vida da operadora de raíz galega. Falamos dos espectáculos de monólogos de R, que desta volta arriban á Coruña, ao recinto PALEXCO, o vindeiro sábado 24 de novembro a partir das 21.00 horas.
Trátase, en palabras de R, dun novo exemplo da aposta da empresa pola canteira galega do humor, que lle serve, ademais, para facer repaso polos seus principais acontecementos históricos agora que a operadora se atopa mergullada nas celebracións do seu 20 aniversario.
O evento contará coa presenza dos nosos humoristas David Amor e a Oswaldo Digón, que presentarán un novo espectáculo con guión do tamén monologuista e actor galego Xosé A. Touriñán. A obra, Monólogos R: #20anosporaquí, é, en palabras de R, “humor do país enchido de referencias ao pasado e presente da empresa, dende os seus inicios, cando a velocidade de Internet aínda se medía en Kbps, até a era actual dos teléfonos intelixentes na nosa vida cotiá”.
Para acudir ao evento cómpre que os clientes conten con algún dos convites de R, que habilita no seu blog toda a información que precisemos sobre esta cita.
Fotos co público e máis monólogos R
Como xa é tradición nos monólogos R, non faltarán tampouco nesta ocasión as fotos finais dos actores cos asistentes ao remate dos espectáculos. Tras recalar en Vigo, Lugo, Ferrol e arestora na Coruña, os monólogos R visitarán as cidades de Pontevedra, Santiago e Ourense. Segundo informa a empresa, a intención é “dar percorrido ao formato do monólogo, que R leva escollendo dende 2008 para manterse preto da xente da man do enxeño e do humor, seica unha das maneiras máis rápidas e eficaces de acurtar distancias entre as persoas”.

PUBLICIDADE