Os informes apuntan a que se mantén continuo o proceso de investir en TIC

venres, 3 de maio do 2013 Redacción

Vale que o sector TIC non é como a aldea de Astérix, un núcleo que resiste felizmente os embates dos axentes externos, neste caso a crise económica, pero está claro que é dos que mellor o están a levar. Ou sexa, que crise aperta no eido tecnolóxico-dixital, pero non semella afogar. Polo menos, non en termos xerais. Ademais, o ámbito software libre está a ser especialmente requirido, agora que semellan impoñerse, dende administracións e empresas, a dispoñibilidade de recursos, o traballo en equipa e máis unha meirande accesibilidade económica. As cifras así nolo confirman. Segundo nos contan esta semana dende CENATIC, o centro estatal de impulso ás tecnoloxías abertas, o sector das PEME, malia a que está caendo, aínda segue mergullada nun continuo proceso de investir en novas tecnoloxías.
CENATIC, botando man do Informe ePEME 2012 de Fundetec, fai fincapé nos seguintes datos: as microempresas rexistraron crecementos interanuais de 1,6 puntos porcentuais en dispoñibilidade de computador, de 1,7 puntos porcentuais en telefonía móbil e de 1,1 puntos porcentuais en conexión a Internet. Ademais, o 71,3% das microempresas españolas xa dispuñan de computador o ano pasado, o 72,4% teléfono móbil e o 65,2% acceso a Internet. O código aberto experimentou como dixemos unha gran suba, chegando a unha taxa do 56,8% entre as empresas máis pequenas, “dado que utilizan este tipo de tecnoloxía para os navegadores de Internet e tamén nas aplicacións ofimáticas”, informa CENATIC. Os sectores que se atopan máis adiantados neste aspecto de apostar pola programación libre veñen sendo o sector da informática, que logrou chegar a un 87,9%, e o das actividades profesionais, situado nun 82,1%.
Polo que respecta á web corporativa nas empresas, o seu incremento foi máis moderado, pasando dunha media do 25,9% en 2011 a unha do 28,6% en 2012.

PUBLICIDADE