Os impulsores do programa Parentnets xuntan forzas en Santiago

mércores, 2 de decembro do 2015 Redacción

Esta semana Santiago está a acoller unha serie de xuntanzas nas que participan expertos internacionais en materia de Internet, educación e xuventude. A columna vertebral das sesións é afondar no proxecto europeo Parentnets, unha iniciativa financiada polo programa Erasmus + que ten como principal obxectivo formar a pais, nais e profesores no eido das redes sociais e o seu uso por parte das mozas e mozos. A nosa terra participa na reunión a través da Consellería de Cultura, departamento de Educación, encargado de coordinar o proxecto europeo. Nel tamén xuntan forzas Irlanda, Bélxica, Portugal, Romanía e España (a través da nosa terra e Catalunya).
As sesións celebráronse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Na mañá de onte, participou nelas o conselleiro de Cultura, quen tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os avances da iniciativa, cuxo obxectivo é avaliar os riscos actuais dun mal uso de Internet para os menores (buscando solucións e promovendo, ante todo, sensibilización e concienciación).
Parentnets, máis en detalle, céntrase no uso das novas tecnoloxías por parte dos menores e trata de facer especial fincapé na detección e prevención das ameazas que poden vir dun uso incorrecto de aquelas. Está dirixido, sobre todo, a pais e nais de calquera país europeo con pouco o nulo manexo das novas tecnoloxías, e a profesores de Primaria ou Secundaria interesados en empregar seguridade en Internet como materia transversal na educación dos seus alumnos.
Segundo informa Cultura, os principais resultados deste proxecto plasmaranse nun manual e nun xogo multimedia que contribúan á prevención e solución dos devanditos riscos, Estes materiais estarán dispoñíbeis en cinco idiomas: galego, castelán, inglés, romanés e portugués.

PUBLICIDADE