Os enxeñeiros en Informática pídenlle á Xunta que corrixa a política de emprego público que atinxe á profesión

martes, 11 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do Colexio galego

As políticas de emprego público que leva a cabo a Xunta en materia TIC non está a ser ben recibidas entre o sector profesional galego. Así nolo fai saber estes días Fernando Suárez, presidente do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), quen opina que nin a Secretaría Xeral de Modernización nin a Dirección Xeral de Función Pública traballan arestora o que sería desexable na defensa das persoas tituladas na formación que o Colexio representa. Con este motivo, o CPEIG enviou aos titulares dos devanditos departamentos (Mar Pereira e José María Barreira, respectivamente) dúas misivas nas que lles traslada o seu desacordo, denunciando a existencia dunha memoria na que se xustifica a modificación da relación de postos de traballo da Secretaría Xeral pola que se crearían novas prazas do grupo A da escala de Sistemas e Tecnoloxías da Información.
As funcións a desenvolver polos técnicos”, sinala o CPEIG, “corresponderanse claramente coa Enxeñaría en Informática, aínda que a citada memoria recolle expresamente a posibilidade de que se presenten outras titulacións”. Para o presidente do colectivo galego, isto representaría unha clara e grave desconsideración cara aos ditos profesionais. Ao seu xuízo, contratando publicamente a quen está especializado noutras materias diferentes da Enxeñaría en Informática, estaríase a pór en risco o desenvolvemento idóneo deses labores e, por extensión, a modernización axeitada da nosa sociedade no eido tecnolóxico-dixital.

PUBLICIDADE