Os enxeñeiros en Informática informan polo miúdo ao BNG da problemática da profesión

mércores, 18 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Para os membros do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) este intre que estamos a vivir de campaña preelectoral é un intre especialmente axeitado para relembrarlles as súas demandas aos partidos políticos que entran en xogo nos comicios e saber, de primeira man, até que punto estes terán en conta as súas propostas no programa de goberno para os vindeiros catro anos. É nesta liña de achega de solicitudes e demandas onde se insire, precisamente, a reunión mantida onte en Santiago entre os representantes do devandito Colexio e a candidata número dous do BNG pola provincia da Coruña, Ana Pontón. Máis polo miúdo, a xuntanza serviu entre outras cousas para que os colexiados lle fixesen chegar a súa inquietude sobre o estado de desregularización no que se atopan tanto os estudos de Enxeñería en Informática como a propia profesión en si mesma.
A reunión, que para o CPEIG tivo o seu precedente directo noutra xuntanza mantida a semana pasada co candidato popular Alberto Núñez Feijoo (estando pendente arestora a confirmación do encontro co PsdeG), contou coa presenza de Fernando Suárez Lorenzo e Xosé Antón Campos, presidente e vicetesoureiro do Colexio (respectivamente) do Colexio. Ambos os dous coincidiron á hora de sinalar a gran problemática actual deste sector laboral na nosa terra: a ausencia de regulación e dunha responsabilidade profesional que veña obrigada e garantida por lei.
O obxectivo desta demanda, sinaláronlle á candidata do BNG, non é outro que mellorar na medida do posible a calidade dos recursos que se ofrecen, amais de protexer á cidadanía de posibles fallos informáticos motivados pola neglixencia ou pola falta dunha preparación e certificación axeitadas. “O reforzo da Enxeñaría Informática”, engadiron, “redundará, en último termo, no progreso e competitividade de Galicia e de España”.
Amais destas peticións, o compromiso polo reforzamento do papel da profesión na nosa terra tivo perante Ana Pontón outra solicitude ben concreta de cara aos vindeiros catro anos de lexislatura: a creación dun corpo específico para a súa titulación na Administración autonómico de maneira que se aposte de xeito firme polos titulados e tituladas nas distintas enxeñerías de informática como garantes da boa saúde dos sistemas informáticos. Ao seu xuízo, este labor continuo e optimizado de supervisión é fundamental, tendo en conta o papel cada día máis importante que teñen os ditos sistemas para o bo funcionamento dunha chea de eidos da nosa sociedade: transporte, xustiza, sanidade, protección da cidadanía, etc.
No que se refire á postura adoptada pola candidata nacionalista durante a reunión mantida en Santiago de Compostela, sinalar que en liñas xerais se baseou nun recordamento abondo concreto: o do compromiso do BNG cara a regularización dos estudos e máis da profesión. Para Ana Pontón, o primeiro gran paso que cómpre dar cara o ordenamento do panorama tecnolóxico-dixital galego é a integración nunha única consellería de todas as competencias do Goberno da Xunta en materia de novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE