Os desafíos da cultura dixital centraron unha xornada en Compostela

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

O Consello da Cultura Galega celebrou onte a xornada A cultura dixital en Galicia: de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade, que abordou de xeito multidisciplinar o ámbito dos datos masivos dende o punto de vista da investigación, a historia, a comunicación e a enxeñaría informática a través de distintos expertos que alertaron de problemas como a necesidade de sistemas de verificación que eviten a propagación de falsidades ou a demanda de relatos visualmente atractivos para os usuarios. No caso específico da cultura galega advertiron que, pese á existencia de numerosos proxectos e iniciativas voluntaristas que aproveitan as ferramentas en liña, a emerxencia de algoritmos nas grandes plataformas na Rede están a invisibilizar os contidos xerados na nosa lingua, o que supón un grande atranco que cómpre superar.
Na sesión de mañá, Carlos Elías, da Universidade Carlos III de Madrid, abordou os riscos da sobreabundancia de mensaxes, do ruído e alertou da facilidade coa que se propagan os díxomes. Xaquín G.V., infografista, e Clara Higuera, Data Scientist da BBC, explicaron como tratan os datos masivos dende o punto de vista informático e da súa visualización para ser contados ao público. Incidiron na necesidade dunha ética dos datos que permita compatibilizar a necesidade de comprender mellor o comportamento dos usuarios co respecto á súa intimidade. Xaquin G.V. falou, ademais, da importancia de que os datos relaten historias que outros medios non poden contar e que consigan formatos atractivos para os usuarios.
Durante a tarde, Jesús Miguel Flores Vivar, director de Internet Media Lab na Universidad Complutense de Madrid alertou da alta presenza de canfurnadas na Rede e avogou por procesos de verificación e sistemas para achegar valor engadido aos produtos culturais. Tamén salientou a intencionalidade de moitos díxomes para incluír na opinión pública e fixo un chamamento á responsabilidade dos medios de comunicacións advertindo que a creación de falsidades pode rastrexarse.
Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, ofreceu o punto de vista tecnolóxico e analizou as posibilidades e responsabilidades que ofrece o Big Data, a automatización e a intelixencia artificial. Deu conta das dificultades de procesar grandes volumes de datos, deixando claro que o realmente complicado é peneirar os datos relevantes, de aí que cada vez sexa máis importante a análise da información. No caso do audiovisual tamén é posible aplicar estas tecnoloxías, e así deu conta de sistemas que mediante o procesamento de linguaxe natural e outras tecnoloxías semellantes de xerar etiquetas para poder organizar documentos multimedia, o que pode ser unha ferramenta de enorme utilidade.
A xornada concluíu coa posta en común das realidades e desafíos que ofrece a cultura dixital en Galicia da man de María Yáñez, especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e Rubén Bastón, de Elogia. Marcus Fernández estableceu paralelismos entre os ámbitos culturais tradicionais e os vieiros que atopan na contorna dixital; Rubén Bastón quixo destacar a ameaza para a nosa lingua que supón Google, desincentivando o uso do galego na web; mentres que María Yáñez quixo expor toda unha serie de cuestións sobre as que sería preciso reflexionar para tomar posicións a longo prazo para poder garantir o futuro da nosa cultura.

PUBLICIDADE