Os concellos de Pontevedra contan con novas ferramentas smart
luns, 15 de outubro do 2018
A
Deputación
de Pontevedra presentou a semana pasada unha serie de proxectos
tecnolóxicos acaidos para os concellos e os seus traballos
(presentes e futuros) arredor do aproveitamento da información na
busca dunhas meirandes eficacia e rendibilidade. Asemade, son
iniciativas indicadas para facilitarlles a adaptación á nova
contorna de regulamento de de protección de datos, máis rigorosa,
exhaustiva e vixiada. Neste paquete de novidades inclúese o proxecto
IDEPO, que xunto co servizo de salvagarda da información para as
entidades locais e o Backup na nube, converterán Pontevedra,
en termos da Deputación, “nunha provincia intelixente”.
Sobre
todo porque arredor destes recursos van poder traballar non só as
administracións, senón tamén a cidadanía, sendo o xermolo e o
acubillo dun coñecemento permanentemente actualizado e
incrementando que vai permitir a toma (en base aos datos xerados) das
mellores decisións de goberno.
As
novidades foron dadas a coñecer perante alcaldesas e alcaldes
provinciais pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela
Silva, xunto ao deputado delegado de Innovación e Promoción
Económica, Javier Dios, que coincidiron ao sinalar que estas
iniciativas enchen un baleiro importante de recursos por parte das
administracións locais, que en moitos casos non contan co que
precisan para pór en marcha todo tipo de cuestións relacionadas co
regulamento TIC.
Segundo
fixeron saber en primeiro lugar, IDEPO é un xeoportal libre e de
balde que integra información xeográfica e de servizos de todos os
concellos da provincia e que inclúe (nun plano máis detallado)
datos sobre paradas de autobuses, puntos de recollida de lixo,
infraestruturas deportivas, xacementos arqueolóxicos ou estradas...
O proxecto, ao que poden acceder as administracións e a veciñanza,
“vai permitir tomar decisións máis intelixentes que permitan
equilibrar a dotación de servizos da provincia” sinalou Silva.
Ademais, a presidenta apelou a un servizo “aberto e en constante
actualización” e convidou ás alcaldesas e alcaldes a participar
activamente na mellora de IDEPO, unha plataforma “moi doada de
usar”, engadiu.
Logo
da presentación deste proxecto, a presidenta debullou as liñas
principais do novo servizo de asesoramento sobre protección de datos
dirixido ás entidades locais para dar cumprimento ao regulamento que
entrou en vigor en maio deste ano. “Na administración local
trátanse unha chea de expedientes con datos privados e desde a
Deputación de Pontevedra queremos ofrecervos a nosa axuda para o
deseño de guías, a revisión de documentos ou a colaboración de
datos", explicou Silva.
A
presidenta provincial tamén fixo fincapé no terceiro proxecto
desenvolvido pola Área de Novas Tecnoloxías. Trátase dun Backup
ou copia de seguridade na nube necesaria para a xestión de todos
estes datos persoais.
Segundo
informaron, todas estas iniciativas van dirixidas a concellos de
menos de 50.000 habitantes, facendo especial fincapé nos de menos de
20.000.