Os blogueiros italianos, en pé de guerra contra a censura

venres, 24 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

As mobilizacións da Rede son, en certa maneira, coma manifestacións con agravantes. Vale, non implican necesariamente que se vexa unha gran concentración de xente nun espazo público, berrando e pitando, pero teñen algo que lles falta ás concentracións de toda a vida e até lles pode servir de complemento: unha capacidade de convocatoria que semella deixar ao mundo pequeno. Ou mesmo a un país coma Italia, decote ameazado pola censura que se aplica dende o público, o privado ou dende ámbolos dous eidos en máis que sospeitosa ligazón. Segundo se informa en Público ou en Vieiros, aos internautas do país semella que non hai quen os cale, e así llelo fixeron ás autoridades perante a vindeira aprobación dun proxecto de lei encamiñado a impoñer a rectificación forzosa.
A protesta, convocada polos blogueiros coas súas propias armas (a voz propia e a fronte común que lles achega o formato) colleu corpo de folga, sendo o seu obxectivo loitar contra o plan Alfano, que é como se denomina esta iniciativa do Goberno que para os blogueiros sería o máis semellante a quitarlles precisamente a liberdade de expresión.
A medida reflectiuse (entre outras accións) nun baleiro de información bitacoreira xeneralizado: este martes, de feito, non se rexistraron entradas nos cadernos que se uniron á mobilización en liña. O que se vía neles foi o logotipo da convocatoria: Este blog ergue a voz. Contra a mordaza do PDL Alfano.
Máis polo miúdo, o proxecto de lei implicaría volver aos tempos máis intransixentes da censura do país, amais de fortes multas económicas en canto se detectase, supostamente, un caso de inxurias ou difamación.

PUBLICIDADE