Os auriculares Turtle Beach Stealth Pro achegan grandes prestacións aos xogadores

xoves, 23 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Turtle Beach presentou os auriculares sen fíos que pretenden converterse no grande referente no sector dos videoxogos, xa que os Turtle Beach Stealth Pro non só ofrecen un son de grande calidade grazas ao uso de drivers de 50 milímetros, senón que tamén contan con tecnoloxía de cancelación de ruído e están deseñados para poder empregarse practicamente en calquera dispositivo de xogo, xa que son compatibles con Xbox, PlayStation, Windows, macOS, Nintendo Switch e dispositivos móbiles.
Estes auriculares non se conforman con contar cuns transdutores Nanoclear de 50 milímetros para conseguir unha resposta de graves moi robusta, senón que tamén son compatibles con tecnoloxías de son envolvente Windows Sonic, Sony 3D Audio (PS5), Dolby Atmos e DTS Headphone:X; a súa cancelación de ruído pode eliminar até 25 dB de ruído, contando tamén con modo transparencia para poder escoitar os sons ambientais cando é preciso; levan un par de baterías intercambiables de máis de 12 horas de duración (de xeito que pode cargarse unha mentres se emprega a outra) coa grande vantaxe de que 15 minutos de carga serían dabondo para 3 horas de uso; con Bluetooth 5.1 poden conectarse a dispositivos móbiles, facendo doado empregar Discord ou responder chamadas mentres se xoga; o micrófono TruSpeak extraible, acompañado por 2 micrófonos ocultos, tamén contan con cancelación de ruído para que os interlocutores só escoiten a voz do usuarios e non o ruído de fondo; pode personalizarse o seu uso mediante unha roda e un botón nos propios auriculares (por exemplo, para manexar o nivel de volume ou axustar a transparencia); e contan cun sistema de conexión sen fíos sen retardo cun alcance de até 15 metros.
Estes auriculares sairán á venda o 23 de abril a un prezo de 329,99 euros, coa peculiaridade de que existen versión para consolas PlayStation (compatible con PS5, PS4, PC, Mac, Nintendo Switch e dispositivos móbiles) e versión para Xbox (compatible con Xbox Series X|S, Xbox One, PS5, PS4, PC, Mac, Nintendo Switch e dispositivos móbiles), de xeito que esta última sería a de maior compatibilidade, pero a de consolas PlayStation destacaría por ser compatible con Sony 3D Audio (polo que quen vaia xogar principalmente cunha PS5 podería preferir este modelo).

Vídeo promocional dos auriculares Turtle Beach Stealth Pro

PUBLICIDADE