Os altofalantes Sonos reciben compatibilidade con AirPlay 2

mércores, 11 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes Apple lanzou finalmente AirPlay 2, conseguindo así que o seu altofalante conectado, o HomePod, por fin sexa un produto completo, pero este trebello continúa sen chegar a España e incluso carece de data prevista para a súa chegada ao noso territorio, pero este non é o único trebello que pode beneficiarse da actualización de AirPlay, e agora é Sonos quen tira proveito de tal tecnoloxía para actualizar os seus altofalantes, de xeito que os propietarios dun iPhone ou un iPad poden agora reproducir a música dos seus dispositivos móbiles en altofalantes Sonos One, Beam, Playbase e Play:5 de segunda xeración. Como curiosidade, os altofalantes Sonos de primeira xeración poderán tirar proveito de AirPlay 2 se están agrupados a outros dispositivos novos a través da aplicación móbil de Sonos.
Aínda que o atractivo dos altofalantes Sonos é poder funcionar conectándose a máis de 80 servizos de contido (incluíndo Spotify e moitos outros cos que o HomePod non é compatible), o feito de integrar AirPlay 2 fai que gañe potencialidade para usuarios de dispositivos de Apple, xa que agora poderán aproveitar os altofalantes dende calquera aplicación móbil compatible con AirPlay. Amais, iso tamén permite tirar proveito de Siri, de xeito que o usuario pode configurar o sistema sonoro do seu fogar para reproducir música ou controlar o volume mediante ordes de voz.
Cómpre salientar que os últimos altofalantes de Sonos apostar por unha integración moi atractiva dos asistentes virtuais, xa que tamén son compatibles con Alexa e, en breve, tamén recibirán compatibilidade co Asistente de Google, converténdose nunha das propostas comerciais máis atractivas para quen desexe un sistema de múltiples altofalantes para o fogar e non queira ligarse unicamente a un asistente virtual.

PUBLICIDADE