Os Premios Prismas recoñeceron na Coruña o labor inclusivo de 7 proxectos científico-tecnolóxicos
martes, 22 de novembro do 2022
Este
19
de novembro entregáronse na Coruña os Premios Prismas, que
recoñeceron no seu 35 aniversario o importante labor social e
inclusivo de sete proxectos científicos e divulgativos. Na gala
participou a alcaldesa Inés Rey, quen lembrou que os galardóns
veñen da man do Concello a través dos Museos Científicos, e que
este ano puxeron o foco (especialmente) na innovación e na
capacidade divulgativa para achegar o público a diferentes cuestións
científicas. "Ademais de ser xa unha cita habitual, este é
tamén un dos actos máis simbólicos e emotivos deste Concello",
dixo Inés Rey. No certame,
distinguiuse (entre outros) o proxecto Talentos Inclusivos do CITIC.
Palmarés
O
Prisma Especial do Xurado foi para o investigador Enrique Pérez
Montero, do Instituto Astrofísico de Andalucía do Consello Superior
de Investigacións Científicas (IAA-CSIC) polo seu traballo para
achegar a ciencia ás persoas con discapacidade visual e facer
reflexionar ao conxunto da sociedade.
O
certame premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en sete
categorías: Vídeo, Novos medios, Libro editado, Artigo
xornalístico, Radio, Proxectos singulares e Prisma Especial
do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro
editado e a de Prisma especial do xurado, recibiron un
premio de 4.000 euros.
O
mellor traballo en vídeo foi para Camino a Congreso, unha
serie web do IAA-CSIC, por unha ficción audiovisual de gran calidade
técnica que retrata con humor o día a día dun equipo científico.
O capítulo premiado relata como dous membros do equipo investigador
do Instituto de Astrofísica de Andalucía embarcan nunha viaxe a
Congreso, unha localidade de Almería, para chegar a tempo a un
obradoiro de expertos en evolución galáctica.
O
mellor traballo en Novos medios recaeu en Yonki
Books, de Oihan Iturbide, por achegar recursos de gran
calidade, con riqueza de formatos e perspectivas, sobre as adiccións,
un problema arrodeado de estigmas e prexuízos. Trátase dun sitio
web que presenta recursos en diversos formatos (libros,
entrevistas...) para abordar a adicción e os trastornos asociados ás
substancias ou determinados comportamentos.
O
mellor libro editado foi Acoso, de Ángela Bernardo Álvarez,
en Next Door Publishers, por “presentar unha investigación
rigorosa sobre o acoso, un problema de gran transcendencia que afecta
aos dereitos fundamentais das persoas que se dedican á ciencia”.
Segundo o xurado, o libro “desprega un traballo xornalístico sobre
o acoso sexual e o acoso por razón de sexo nas universidades e nos
organismos públicos de investigación”.
Historia
de un secuestro génetico, así fue como una mosca robó
"superpoderes" a una planta, de Jesús Méndez
González, foi recoñecido como mellor artigo xornalístico.
Publicado na Axencia SINC, converteu unha investigación de ciencia
básica e moi pouco coñecida nunha historia fascinante de gran
calidade xornalística. “O artigo describe o primeiro caso de
transferencia xenética que se observa entre un vexetal e un animal
complexo, e que funciona”, salientouse.
Como
mellor proxecto singular galardoouse Dones de ciencia,
promovido pola Universidad Politécnica de Valencia, por “visibilizar
a científicas contemporáneas nun proxecto de amplo alcance que
combina arte e ciencia coa a participación da cidadanía”.
O
xurado tamén decidiu outorgar unha mención especial a La ciencia
del chup chup, de Elena Sanz, na modalidae de Libro editado,
neste caso en Editorial Planeta; e unha segunda mención especial na
modalidade de Proxecto singular a Talentos Inclusivos, do CITIC
(Universidade da Coruña) e ASPACE.
Por
último, decidiu declarar deserto o Prisma ao mellor texto inédito
ou autoeditado de divulgación científica.
Presidiu
o xurado Pampa García Molina, xornalista científica, coordinadora
do Science Media Centre España; e integrado por María Viña
Rebolledo, xefa de sección técnica do MUNCYT (Museo Nacional de
Ciencia e Tecnoloxía); Núria Jar Benabarre, xornalista científica;
Isidora Fernández Bañados, especialista en compromiso científico
en Science for Change; Félix Sánchez-Tembleque Díaz-Pache, técnico
superior no CITEEC- Universidade da Coruña; e Iván Rodríguez Arós,
artista especializado en divulgación científica en
Divulgare-Universidade de Vigo; actuando como secretario Marcos Pérez
Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses.