Os Mestre Mateo deron a coñecer as candidaturas á mellor webserie do ano

mércores, 13 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 149.4 KB
As Cousas do Choio é unha webserie que no certame Youtubeir@s conseguiu facerse con 2 galardóns

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer os días pasados os nomes das canditaturas finalistas aos Premios Mestre Mateo , que recoñecen o máis destacado da nosa colleita de 2018 en materia de audiovisual. Nas diferentes categorías hai diversa presenza TIC, especialmente na categoría de Mellor Serie Web.
Nesta modalidade, destinada a enxalzar e mostrar as nosas máis que relevantes contribucións aos contidos online, son candidatas as seguintes webseries: As Cousas do Choio, de Román Castaño; Dinosaurio, A Serie, de Carballo Interplay Producións; Hai vida en Bran?, de Ángela Andrada e Sorrisos Transformadores, de Islandia Producións.
Polo que atinxe a As Cousas do Choio, é unha serie de éxito que relata o día a día dun personaxe real, Juan O Choio, avó do director, quen nos diferentes capítulos pon en práctica diversas técnicas para afrontar desafíos cotiáns aos que todas e todos deberemos enfrontarnos algún día: como dar cartos ás agachadas ou como escaquearnos dunha comida familiar.

JPEG - 132.4 KB
Dinosaurio A Serie proxectarase hoxe mesmo na Coruña

Dinosaurio, pola súa banda, é unha contribución ao audiovisual en liña nada no seo da última edición do Carballo Interplay, de feito é a primeira produción xurdida deste senlleiro certame bergantiñán. Máis polo miúdo, é o produto de tres días de convivencia e creatividade onde os participantes enfrontáronse ao reto de ideala, gravala e postproducila. A serie, producida por un equipo de máis de vinte novos creadores e creadoras de todos os recunchos do país, foi coordinada por profesionais do mundo das series dixitais e o audiovisual da talla de David Sainz e Teresa Segura, Enrique Lojo, Lucía C. Pan, Jorge Fenda, Óscar Cruz, Anxos Fazáns ou Silvia Fontes.
Hai vida en Bran, é unha webserie dirixida, escrita e protagonizada por Ángela Andrada, que obtivo na cuarta edición do devandito certame de Carballo o Premio a proxecto de webserie na nosa lingua. Conta a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo do cómic, volve á casa da súa nai “na pequena e aburrida vila de Bran”, segundo se desprende da sinopse, na que tamén se explica que en Bran, sen cartos e en plena crise dos 25, Mariña comeza a traballar na tenda da gasolineira e combate a soidade e o tedio coa creación dun novo cómic inspirado polo seu glam rock do seu idolatrado David Bowie.
Por último, Sorrisos Transformadores é unha webserie documental impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Arelas e desenvolvida e realizada por Islandia Producións. Está composta por oito pezas curtas e foi deseñada como o soporte de vídeo á exposición fotográfica Sorrisos transformadores que, da man da entidade provincial, buscou darlle visibilidade ás persoas transexuais. A obra, dirixida por Óscar Pardo e Noemí Chantada, recolle as testemuñas e as realidades de persoas transexuais, así como de distintos profesionais. Sorrisos transformadores é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que naceu con motivo da celebración do día do orgullo LGTBI de 2016. O obxectivo era “poñer en marcha unha campaña de sensibilización dirixida á sociedade para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero”.

PUBLICIDADE