Os MacBook Pro incorporan dobre chip gráfico

martes, 14 de outubro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 47.6 KB

Pese a que os novos MacBook son os produtos de Apple que máis acusaron a súa renovación, os MacBook Pro tamén melloraron considerablemente e, aínda que corran o perigo de perder algo de público por culpa do seu irmán pequeno, continúan a destacar como grandes equipos portátiles para labores profesionais.
Os Macbook Pro tamén incorporan a técnica brick para a fabricación da súa carcasa de aluminio, que lle permite dotar de maior rixidez á súa estrutura e optimiza o espazo interior para compoñentes, a súa pantalla de 15,4 polgadas cunha resolución de 1.440 x 900 píxeles incorpora a retroiluminación LED, o seu trackpad multi-tácil tamén prescinde de botóns, inclúe cámara iSight, unidade SuperDrive, teclado retroiluminado, 2 portos USB, 1 porto FireWire, conector Mini DisplayPort (para conectalo a pantallas externas mediante adaptadores), fenda ExpressCard/34 e un importante cambio na súa tarxeta gráfica, pois estes portátiles pasan a integrar simultaneamente un chip nVIDIA GeForce 9400M e outro 9600M GT con 256 Mbytes de memoria dedicada, que conmutarán de xeito transparente para o usuario en función da carga de proceso, de xeito que para tarefas simples se utilizará a 9400M permitindo que o equipo teña unha autonomía de ata 5 horas, mentres que para labores intensivas se utilizará a 9600M GT que reduciría a autonomía ata 4 horas.
O MacBook Pro con procesador Intel Core 2 Duo a 2,4 GHz, con 2 Gb de RAM e disco duro de 250 Gb se venderá a 1.749 euros, mentres que a versión a 2,53 GHz, con 4 Gb de RAM e disco duro de 320 Gb custará 2.199 euros. Tamén existe a posibilidade de compralo cun procesador de 2,8 GHz (incrementando o seu prezo 260 euros).
Estes novos portátiles serían uns equipos claramente destinados a edición de vídeo e outras labores profesionais, pero a súa potencia gráfica tamén lle permiten tirar proveito de xogos coma Spore ou Call of Duty 4, con incrementos de rendemento con respecto do MacBook Pro anterior de máis do 50%.

PUBLICIDADE