Oroso pon en marcha unha campaña de reciclaxe de ordenadores para doalos a nenos con dificultades

luns, 2 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Oroso e Infolitic queren fomentar solidariamente as segundas e terceiras vidas para os computadores que, sobre o papel, son tecnoloxía en vieiros de desuso. Por esta razón, activou unha campaña de reciclaxe de computadores que ten o obxectivo de “alongar a vida útil dos ordenadores”, instalarlles programas educativos e doalos a nenos e nenas con dificultades económicas. A campaña Recicla para un neno é un proxecto de responsabilidade social que conta coa co apoio da Concellería de Benestar Social, Ensino e Atención á Nenez de Oroso que dirixe Beatriz Rodeiro.
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa empresa Infolitic, que ten a súa sede no municipio de Oroso, que se encargará de acondicionar os computadores en proceso de reciclaxe e de suprimir de maneira segura toda a información que poidan acubillar. Amais diso tamén levará a cabo a instalación de diferentes programas e ferramentas educativas.
O proxecto, en palabras das entidades responsábeis, busca “que a xente que xa non use un equipo, no canto de desbotalo, poida cedelo para que un neno poida aprender e educarse con el”.
A iniciativa achega facilidades de información para os doantes. Así, quen achegue un computador poderá saber en todo intre a situación na que se atopa o equipo doado, e notificaráselle por correo electrónico se o aparello recalou nun fogar ou se, pola contra, tivo que ser enviado ao punto limpo para proceder á súa reciclaxe. “Preparamos todos estes equipos informáticos e poñémolos a punto cun sistema GNU/Linux, cun paquete de programas educativos, para poder darllo a un neno o nena de entre 6 e 12 anos que o necesite para mellorar a súa vida e a súa adaptación á sociedade”, explican dende Infolitic.
Por outra parte, impartirase un curso para os cativos onde aprenderán a desenvolverse co seu novo equipo.

PUBLICIDADE