Ocean´s vai pór en marcha unha rede de servizos converxentes de última xeración

venres, 26 de xullo do 2013 Redacción

O operador galego Ocean´s está a piques de amosar un dos seus proxectos máis ambiciosos: a súa nova rede de servizos converxentes de última xeración. De feito, a compañía informa que xa puxo en marcha a conta atrás para presentar a súa nova plataforma, “propia e independente”. Segundo engaden fontes da empresa, estamos ante algo máis que un produto innovador, estamos ante “unha nova filosofía de traballo onde o cliente poderá xestionar tódalas súas comunicacións de xeito máis cómodo, sinxelo e rendíbel”. Coa rede de seu, Ocean´s centrará unha boa parte dos seus esforzos en achegar o último en novas tecnoloxías, tanto en comunicación, servizos e dispositivos fixos como en telefonía móbil, “na que se incluirá a tecnoloxía 4G”, seguindo as tendencias do sector.
Segundo avanza a operadora, esta rede permitirá integrar nun único recurso tódolos servizos que até o de agora funcionaban de xeito individual, no caso de clientes residencias e no de empresas. Entre as funcionalidades a pór en xogo, a firma salienta a posibilidade virtualizar as comunicacións: liñas, servizos e centrais telefónicas. Tamén se ampliará a marxe para impulsar a telepresenza (de gran potencial a nivel empresarial e a nivel de saúde e atención sanitaria). Estes produtos e servizos incluiranse nunha única factura facilitando ao usuario a súa xestión.

PUBLICIDADE