O viveiro de Lalín acada unha taxa de ocupación do 80% coas súas recentes incorporacións TIC

venres, 8 de abril do 2016 Redacción

O viveiro de Lalín nunha imaxe de Miguel Souto para La Voz de Galicia

A Deputación de Pontevedra vén de dar conta da actividade recente nos seus viveiros de Lalín e Barro-Meis e, máis polo miúdo, das vindeiras incorporacións a estes acubillos empresariais e de innovación. Segundo fai saber a entidade que preside Carmela Silva, a comisión seleccionadora dos viveiristas aprobou oito novas iniciativas para ocupar espazos empresariais en ámbalas instalacións, adxudicacións que sitúan a taxa de ocupación en Lalín nun 80% e a de Barro-Meis nun 25%. Máis polo miúdo, para Lalín aprobouse á empresa de Alberto Massa Calleja a adxudicación da oficina número catro, estando o seu proxecto empresarial baseado na preparación de oposicións en liña, pola vía dixital.
A súa iniciativa únese ás outras tres empresas xa operativas. Estas tres firmas son Kuzunguka APP Developers (que desenvolveu un dispositivo e unha aplicación para localizar obxectos perdidos), Stoutic Computing Technologies (que ofrece solucións de automatización da xestión e comercio electrónico da empresa PEME, solucións TIC á xestión empresarial e á actividade de mercadotecnia doutras empresas) e a iniciativa empresarial de Inés Ferreiroa Louzao (que ofrece un servizo de mediación e de resolución de conflitos para evitar a vía xurídica).
No que respecta ao viveiro de Barro-Meis aprobouse a instalación de sete novas empresas, cinco en oficinas e dúas en naves: Certivedra Rehabilitación (adicada á construción e rehabilitación enerxética de edificios, emisión de informes de avaliación de edificios, certificados de eficiencia enerxética, peritaxes e valoracións), Laura Santiago Fariña (formación, asistencia e orientación socio-sanitaria no medio rural), Coperfruit (adicada á comercialización, importación e exportación de froitas), María Margarita Ferreira Pereira (asesoramento a persoas que queiran desenvolver a súa actividade no medio rural), María Margarita Ferreira Pereira (asesoramento ás mulleres profesionais e emprendedoras que desenvolven a súa actividade no medio rural); e para as naves, ás empresas de Avelino Tourís Fajardo (adicado á comercialización de sal mariña natural atlántica 100 % sen aditivos), e de Jorge Fontán Carballo (adicado ao transporte e á distribución de mercadorías perecedoiras por estrada).

PUBLICIDADE