O sustentábel e o ecolóxico, ingredientes básicos dos enxeños amosados estes días en Galiciencia
xoves, 20 de novembro do 2014
Como
xa
adiantamos esta semana dende Código Cero, inserida no programa
de actividades da Semana
da Ciencia en España botaba a andar onte a feira Galiciencia
2014, a feira científica galega que se estenderá até mañá
venres 21 de novembro e que ten lugar na Tecnópole-Parque
Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Patrocinada pola Fundación
Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de
Economía, a Galiciencia ten entrada de libre e expón 64 proxectos
de investigación procedentes de toda Galicia. Por exemplo: vehículos
sustentábeis, un dron para vixiar os nosos montes e loitar contra os
incendios forestais ou un enxeño para facermos biodiésel caseiro.
No que
se refire a cifras e procedencias, están a ser expostos 27 proxectos
de Ourense e Pereiro de Aguiar -entre os que se atopan os dos alumnos
das Aulas Tecnópole e do campamento tecnolóxico de verán da
Tecnópole-; 15 de Vigo, 5 de Pontevedra, 4 de Cambre, 3 de Santiago
de Compostela, 2 de Ferrol, 2 de San Sadurniño, 1 de Ortigueira, 1
de Teo e 4 de Barcelona. De todos eles, 44 son de equipos de
Secundaria e FP e os 20 restantes protagonizan a sección especial
que se habilitou de maneira específica para proxectos de Primaria.
Os vehículos de todo
tipo protagonizan boa parte dos proxectos este ano. Á cúpula para
bicicletas, o dron contra incendios e o freo para cadeiras de
bebé súmanse un robot submarino desenvolvido en Ortigueira que se
une á consola de mando mediante un cordón umbilical e un prototipo
de coche con sensores para facilitar a condución segura, este último
deseñado por alumnos de Pontevedra.
- O conselleiro de Economía, coñecendo de primeira man os enxeños amosados
A reciclaxe de residuos e
a xeración de enerxías limpas é outra constante na Galiciencia
desta convocatoria 2014. A obtención biodiésel e xabón elaborado a
partir de aceite usado de cociña (este último a cargo de alumnos de
Primaria de San Sadurniño), o deseño dunha central térmica de
hidróxeno realizado nas Aulas Tecnópole e a fabricación de soletas
para zapatos e calcetíns a partir das labras de madeira dos lapis (a
cargo de alumnos de Pereiro de Aguiar), son algúns exemplos desta
temática.
No eido da alimentación,
estudantes vigueses presentan un prototipo de cultivo de leitugas con
luces LED, un sistema de conservación de alimentos mediante
ultrasóns desenvolvido nas Aulas Tecnópole e a extracción de ferro
en cereais de almorzo por parte de alumnos pontevedreses.
En canto ao uso das novas
tecnoloxías, presentouse un sistema de control parental de páxinas
web mediante sinais auditivos froito do campamento de verán da
Tecnópole, xunto cun estudo sobre os efectos dos videoxogos na nosa
capacidade de concentración, que segundo os resultados obtidos son
beneficiosos.
No apartado dos estudos,
un equipo ourensán analizou a efectividade do uso do medo como
factor persuasivo para o aumento das vendas, alumnos de Vigo
recuperaron a figura do afiador-paraugueiro en Galicia e estudantes
de Cambre mediron o nivel de ruído que soportan os adolescentes nos
institutos e investigaron se comer chicle ao tempo que se fai un
exame mellora os resultados.
Alén de todo isto, a
Fundación Barrié expón a mostra de fotografía InvestigArte
e achegará hoxe unha charla para que os docentes coñezan a
iniciativa educaCiencia.
Engadir que xa dende onte
daban comezo as actividades parellas á exposición de proxectos, que
inclúen: obradoiros conmemorativos do Ano Internacional da
Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía
en España, amais da elaboración colectiva por parte de estudantes
tanto do vídeo coma da revista oficial da Galiciencia.
Cómpre
subliñar que dende ás 10 horas desta mañá todos os que o desexen
poden asistir desde o seu colexio ou a súa casa ao espectáculo
Arpexos de ciencia a
través da web
da Tecnópole.