O servizo de vídeo en liña Voddler chega a España

mércores, 7 de marzo do 2012 Raquel Noya

Alá vai case un ano dende que o servizo de vídeo baixo demanda, Voddler, chegou a España en fase de probas, anunciando que disporía en breve de milleiros de películas e series de televisión, ás que se podería acceder de xeito legal, cunha forma de pago cómoda e cun 80% de contidos de balde.
A nova púxonos os dentes largos aos afeccionados ao cine que non estamos dispostos a pagar cantidades desorbitadas por ver películas, nin facelo de xeito ilegal, porén aínda teriamos que agardar un tempo a que este servizo de VOD líder en Escandinavia, acabara botando áncoras definitivamente en España.
Pois ben, o servizo chegou hoxe ao noso país, e para comezar a gozar del tan só hai que entrar na web e rexistrarse, podendo acceder de inmediato a un amplo abano de películas, documentais e series de moda, as cales se poden ver directamente no ordenador ou ben na maioría das plataformas móbiles como iPad, iPhone, Android, Symbian e Meego (e a partir de abril tamén en Windows Phone).
No seu lanzamento o catálogo para España contén uns 600 títulos, porén “ten previsto chegar aos 5.000 e ofrecer a función offline para gozar das películas mesmo sen conexión á Rede”, tal como explicou o vicepresidente de Comunicación da compañía, Anders Sjöman.
A compañía, que ten acordos de contido con estudios como Warner Bros, Disney, Universal, Sony Pictures e Paramount, vén de asinar novos contratos coas principais distribuidoras nacionais e internacionais, a fin de achegarlle aos seus usuarios tanto as series de televisión máis actuais como as estreas ou os mellores clásicos.
España é o quinto mercado no que opera Voddler, que xa ten máis de 1,3 millóns de usuarios rexistrados en Suecia, Noruega, Dinamarca e Finlandia.

PUBLICIDADE