O sector da Enxeñaría Informática determina as primeiras mobilizacións para acadar a equiparación
luns, 20 de xuño do 2016
O sector profesional da
Enxeñaría Informática, a nivel estatal, vén de acordar as
primeiras accións conxuntas para lograr a equiparación de
recoñecementos en relación ao resto das enxeñeiras e, nun plano
máis específico, para
esixir do Goberno Central “solucións urxentes” tralo informe
emitido polo Ministerio de Industria no que se exclúe ao devandito
sector respecto das enxeñarías no Recoñecemento de Cualificacións
Profesionais. En base a isto, as asociacións que representan o
sector (tecido académico, profesional e estudantil) reuníronse o
pasado venres para acordar as medidas concretas a tomar ante o que
consideran “unha situación de discriminación”. Na devandita
reunión, celebrada na Facultade de Informática da Universidade
Complutense de Madrid, o colectivo decidiu solicitar a intervención
do presidente do Goberno para resolver esta problemática como medida
previa á posíbel convocatoria de folga do sector en España.
Na xuntanza participaron
Eduardo Vendrell, presidente da CODDII; Juan Ramón Palomino,
presidente de RITSI; Juan Pablo Peñarrubia, presidente de CCII; e o
galego Marcos Mata, presidente de CONCITI.
Ao remate da xuntanza as
entidades decidiron constituírse como un órgano permanente para
realizar “un seguimento de todas as accións en prol do
recoñecemento profesional e académico da Enxeñaría Informática”.
Tras ser convocada con
carácter de urxencia, tras coñecerse a existencia do devandito
borrador do informe (emitido recentemente polo Ministerio de
Industria, Enerxía e Turismo en relación á modificación do RD
1837/2008 sobre Recoñecemento de Cualificacións Profesionais) e
logo de diferentes encontros destas entidades cos representantes da
Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da
Información (SETSI) do Ministerio de Industria, remitíronse as
alegacións durante o proceso de audiencia pública, demandas que
segundo advirten dende os ditos consellos profesionais foron
“ignoradas no informe emitido polo Ministerio de Industria, o que
se considerou polo sector o último e insultante menosprezo á
Enxeñaría Informática”.
Os representantes de
CCII, CONCITI, RITSI e CODDII, tras avaliar a situación, optaron
desta maneira por “un primeiro paquete de accións”, sinalan,
previas a outras “posíbeis medidas de maior transcendencia”, que
posibiliten “unha solución vía o entendemento”. Entre as
medidas acordadas polos diferentes colectivos atópanse as seguintes:
escribir ao presidente do Goberno solicitando a súa intervención
ante a devandita situación, emprender unha campaña informativa que
amose a importancia da Enxeñaría Informática na sociedade (e as
vantaxes que supón o seu recoñecemento profesional e académico),
solicitar o apoio das presidencias das Comunidades Autónomas e dos
conselleiros autonómicos de Educación e dos seus Parlamentos,
procurar o apoio da Conferencia de Reitores (para trasladar
formalmente ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a
necesidade de equiparar academicamente a Enxeñaría en Informática
ao resto de enxeñarías) ou establecer comunicación firme, tras as
vindeiras eleccións, cos grupos parlamentarios e cos deputados
integrantes das comisións de Industria e Educación. Asemade, tamén
se interpelará aos estamentos da Comisión Europea para que
“interveñan na situación diferencial que o Estado ten con
respecto á Enxeñaría Informática”.
Entidades implicadas
A fronte común a prol do
sector está integrada pola RITSI (a
Reunión de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en
Informática, unha asociación estatal que coordina e representa ás
delegacións de estudantes das titulacións da Enxeñaría en
Informática), a CODDII (a
Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática,
constituída polos responsábeis das escolas e facultades que
imparten estudos conducentes ás titulacións de Enxeñaría en
Informática en España, tanto públicas como privadas), o CONCITI
(Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en
Informática, corporación de dereito público que agrupa a todos os
Colexios e Consellos autonómicos de Enxeñaría, incluído o Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia,
presidido por Marcos Mata, que comparte esta responsabilidade coa
presidencia do CONCITI) e o
CCII (Consello Xeral de Colexios
Oficiais de Enxeñaría en Informática no que se integra o Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e que
representa unha corporación de dereito público que agrupa a todos
os Colexios e Consellos autonómicos de Enxeñaría en Informática
de España).