O robot Robobo gaña o segundo premio do concurso internacional Smart Toys

luns, 21 de novembro do 2022 S. P.

O robot Robobo, desenvolvido por un grupo de investigadores da Universidade da Coruña coordinados polo catedrático en Computación e Intelixencia Artificial e investigador do CITIC, Fran Bellas, vén de obter o segundo premio do Concurso Smart Toys promovido polo Foro Económico Mundial e a Dubai Future Foundation, nun concurso organizado polo Centro para a Cuarta Revolución Industrial dos Emiratos Árabes Unidos.
O profesor do Campus de Ferrol recolleu o premio este domingo 20 de novembro en Dubai, logo de superar un exhaustivo proceso de selección no que o robot da UDC foi superando diversas fases. Os finalistas foron avaliados por xuíces internacionais que, segundo explicou a Universidade da Coruña, “centráronse sobre todo nos aspectos éticos do xoguete, ademais de ser testados por nenos e nenas que os usaron durante varios días”.
Este premio ten como obxectivo “avaliar os xoguetes que integran Intelixencia Artificial para determinar os valores e os principios que conteñen estes xoguetes de forma que contribúan a unha aprendizaxe creativa dos nenos e nenas e á vez que xogan poidan apoiar o seu crecemento e desenvolvemento”, explicou a UDC, engadindo que con estes premios recoñecen os xoguetes intelixentes, innovadores, éticos e responsábeis.
Robobo é un robot dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato que xa ten algunha experiencia en robótica e programación. Con Robobo e o material didáctico asociado aprenderán os conceptos básicos da Intelixencia Artificial aplicada á robótica, utilizando o seu propio teléfono intelixente como núcleo do robot. Este robot utiliza tecnoloxía a custe moi baixo e pode actualizarse con sucesivos smartphones. O desenvolvemento deste trebello deu lugar á creación da empresa spin-off da Universidade da Coruña, MINT.
O grupo responsábel de Robobo ten experiencia na docencia universitaria en Enxeñaría e Robótica Intelixente. Ademais, coordinados polo profesor Fran Bellas, os investigadores do equipo son pioneiros na introdución da Intelixencia Artificial na educación xeral, desde secundaria ata a universidade, desenvolvendo material docente adaptado ás diferentes etapas educativas.