O reloxo cuantificador sexual xa é unha realidade

mércores, 14 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A primeiros de ano a compañía Geeksphone anticipou que estaba a preparar unha pulseira de actividade que mediría o rendemento sexual, e pese a que a compañía padeceu unha importante reestruturación que a fixo abandonar o mercado do smartphones, o novo produto wearable seguiu adiante, e así saíu xa á venda o Geeksme GME1 a un prezo de 99,90 euros, produto que definen como “un reloxo dixital para os que queren conectar coa vida”.
Este reloxo de pulso estaría na liña de moitas outras pulseiras de actividade, medindo pasos, distancia percorrida, calorías consumidas, tempo de exercicio, calidade do sono e duración do sono, que como curiosidade incluiría a estimación do impacto do noso estilo de vida no medio ambiente e a mencionada monitorización da actividade sexual (duración, hora de comezo e fin, calorías queimadas e intensidade). Toda unha curiosidade que, pese a ter unha utilidade máis que dubidosa, conseguirá facer que este produto chame a atención internacionalmente.
O Geeksme GME1 é un reloxo de 32 x 32 x 9,5 milímetros e un peso de 12,1 gramos, que está equipado cunha pantalla OLED monocroma de 64 x 48 píxeles, 12 luces LED para indicar o progreso diario das metas definidas, conectividade Bluetooth 4.0 de baixo consumo, batería recargable de 55 mAh, acelerómetro 3D, vibrador, conector de carga de 4 pins e resistencia á auga. Conta con aplicación para o smartphone (Android e iOS) e aínda que actualmente pode configurarse para alarmas e recordatorios, espérase que cunha actualización poida notificar da chegada de chamadas e mensaxes ao móbil.

JPEG - 102.1 KB
O Geeksphone GME1 destaca especialmente polo seu modo de medición da actividade sexual

PUBLICIDADE