Javier Urra explica este sábado en Santiago como termos un fogar dixitalmente saudábel

venres, 29 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Javier Urra, psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza e reputado experto en psicoloxía clínica e pedagoxía, vai estar este sábado en Santiago para achegarnos unhas cantes claves sobre como comportarnos (nais e pais) perante os posíbeis excesos tecnolóxicos das nosas crianzas e perante os posíbeis malos usos das novas ferramentas. Urra vén convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A conferencia, que desenvolve baixo o título Educar con criterio e ALGO MÁIS, está prevista para as 12:00 horas no Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura.
A conferencia, aberta ao público en xeral, está enmarcada nas actividades da cuarta edición da Olimpíada de Robótica de Galicia, da que o CPEIG tamén é entidade organizadora xunto á FEGAMP e Arkitas.
Por certo que o relatorio será presentado polo presidente do colexio profesional galego, Fernando Suárez.
Segundo informa o CPEIG, Urra é psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza, está especializado en psicoloxía clínica e psicoterapia (acreditado por la Federación Europea de Asociacións de Psicólogos) e é pedagogo terapeuta. Na charla, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e intervención e dos pros e contras do contacto na Rede.

PUBLICIDADE