O proxecto Smart Government achega aos concellos as vantaxes da intelixencia artificial
xoves, 19 de xullo do 2018
Un
dos
proxectos smart máis ambiciosos no que participaron as nosas
empresas e entidades, Smart Government, vén de chegar ao seu remate.
E fíxoo, en palabras dos impulsores, “con grandes resultados”.
Para quen non o saiba, trátase dunha iniciativa de Investigación e
Desenvolvemento (I+D) iniciada en 2015 co obxectivo de pór en xogo
recursos para mellorar a eficiencia das cidades a través das novas
ferramentas dixitais. Ou sexa, para convertelas en lugares mellores
para vivir. O proxecto contou nas súas fileiras con empresas galegas
como Imatia ou Queres Tecnoloxías, ademais de con Tecnocom. Tamén
achegou a súa experiencia o CESGA, o Centro Tecnolóxico de
Supercomputación de Galicia (CESGA), entre outras entidades.
En
última instancia buscábase dar forma a unha tecnoloxía concreta
que permitise, en si mesma, a resolución dos principais retos smart
dos nosos Concellos. Os ingredientes foron a intelixencia artificial
ao servizo da información a gran escala xerada polas Administracións
locais a través de diversas canles, unha información coa que non se
contaba até hai poucos anos pero que coa entrada en xogo das novas
tecnoloxías entra a esgalla dende todo tipo de frontes, algunhas de
natureza máis “clásica” outras radicalmente novas. Entre as
primeiras (as frontes máis clásicas) están o padrón de
habitantes, o catastro, os vehículos dos cidadáns (imposto de
circulación), os centros educativos e sanitarios ou as comisarías
de policía. Entre as segundas, as frontes innovadoras que son o
miolo das Smart Cities, están os sistemas tecnolóxicos de
captura que achegan datos en tempo real sobre tráfico, enerxía,
auga, telecomunicacións ou medioambiente, entre outros asuntos.
A
base de Smart Government
foi, con todo, ir alén da recollida desta información: a súa
misión consistiu en aplicar recursos de intelixencia artificial que
interpretasen e relacionasen toda esa información para chegar a
conclusións ás que non podería chegar unha persoa soa ou un equipo
de goberno local. “Desta forma”, sinalan fontes de Imatia,
“enriquécese a toma de decisións dos equipos de xestión, xerando
avisos e activando protocolos de actuación”.
Ademais
do desenvolvemento da complexa tecnoloxía que implica este proxecto,
creáronse unha serie de exemplos que mostran as súas capacidades.
Por exemplo mapas xeorreferenciados con diferentes capas sobrepostas,
que permiten facer cousas como detectar falta de pagamentos nos
impostos municipais sobre vivenda, optimizar a localización dos
colexios, calcular taxas sobre parcelas en función das distintas
ordenanzas, localizar vaos ilegais, etc.
Segundo
engade Imatia, Smart Government salienta (amais de pola súa
utilidade) pola súa facilidade de uso, xa que é un proxecto
concibido “tanto para usuarios avanzados, como para aqueles que non
teñen coñecementos de programación”. Así, calquera dos exemplos
devanditos poden ser configurados por este último tipo de usuario,
cunha mínima formación.
A
iniciativa Smart Government, alén da súa vertente pública,
atesoura importante potencial para ser extrapolada a outros ámbitos.
Un deles é o de emerxencias marítimas, achegando información
xeorreferenciada sobre embarcacións e sistemas de salvamento,
ademais de información meteorolóxica. O sistema resultante ao
abeiro do proxecto permite atender calquera emerxencia seleccionando
entre diferentes opcións: drons con vídeo en directo, hidroavións,
barcos autónomos, etc. “As vantaxes en canto á seguridade no mar
son evidentes”, explica Imatia, que tamén salienta o feito de se
eviten desprazamentos innecesarios por falsas alarmas.