O proxecto Galician Skyway achega innovadoras solucións á xestión do tráfico aéreo compartido

xoves, 10 de decembro do 2020 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou no evento online de peche do proxecto Galician Skyway, no que a Xunta e a empresa Boeing Research & Technology Europe (BR&T-E) colaboraron no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. No evento interviñeron tamén representantes de Boeing como das distintas empresas e centros subcontratados para explicar os resultados técnicos.
Argerey salientou o “carácter estratéxico e pioneiro” deste proxecto para a industria aeroespacial galega e agradeceu a BR&T-E a súa contribución á visualización de Galicia como referente a nivel internacional no ámbito dos vehículos non tripulados.
A directora da axencia tamén destacou o papel despregado por Boeing como un dos principais socios da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia e apuntou que este proxecto marcará "un antes e un despois" no sector aeroespacial.
Tamén lembrou que o proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros (co-financiado con fondos FEDER do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020, POCInt) e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.
Este proxecto incluíu o desenvolvemento de solucións a situacións clave no ámbito da xestión e seguridade do tráfico aéreo como a perda das ligazóns de comunicación coa estación base (Loss of Link); a incapacidade de detectar e evitar colisións (Loss of Separation); a perda de sinal procedente das infraestruturas de axuda á navegación e xeolocalización (Loss of GPS); a perda de impulso do motor (Loss of Engine); a perda de enerxía (Loss of Power); e a perda de control sobre o vehículo non tripulado (UAV) por actos de interferencias (Loss of Ownership).

Torre de Control do Aeródromo das Rozas

As solucións desenvolvidas considéranse de gran relevancia para todo o sector aeroespacial porque, segundo apuntou a directora de GAIN, poderán integrarse no futuro en calquera aeronave non tripulada ou sistema para a súa xestión. Entre os fitos acadados polo proxecto Galician Skyway, Argerey recordou a instalación nas Rozas dun laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que “supón unha importante contribución ao equipamento do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e que fortalece a súa competitividade como infraestrutura científico-tecnolóxica para a I+D+i no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados”.
Neste laboratorio despregouse unha infraestrutura de simulación para a realización de probas de diferentes solucións de Detect and Avoid (Detectar e Evitar). Asemade, levouse a cabo o primeiro desenvolvemento dun sistema de continxencias para UAV totalmente autónomo en voo que permite avaliar as alertas identificadas polos diferentes sistemas de continxencias de abordo e tomar a decisión máis axeitada segundo os criterios adoptados en cada caso seguindo diferentes requisitos de seguridade, operacionais ou de misión.
Así mesmo, desenvolveuse un sistema de navegación alternativo á navegación convencional con sinais GNSS (Global Navigation Satellite System); desenvolveuse unha infraestrutura HW/SW experimental facilmente adaptábel a calquera dron que permite a toma simultánea e sincronizada de imaxes capturadas desde diferentes sensores de visión e sensores inerciais con alto grao de sincronización; propuxéronse para patente unha serie de ideas novas para a prevención e mitigación do risco ante unha continxencia que implique un descenso incontrolado, así como un protocolo de actuación; desenvolveuse unha metodoloxía de cálculo de traxectorias seguras para a aterraxe de emerxencia en UAV de á fixa en caso de perda de motor; e púxose en marcha unha nova solución ao problema da perda de comunicacións durante o voo que implica a integración de diferentes equipos embarcados e en terra.
Amais, colleu corpo un sistema de sincronización de mensaxes entre o UAV e a estación de terra, que “permite coñecer en todo momento a calidade do sinal e replicar a toma de decisións da aeronave en terra baixo diferentes circunstancias de continxencia, acoutando en todo momento a incerteza”.
Por último, definiuse unha nova interface cun sistema de control de tráfico proporcionado por Enaire, entidade pública empresarial que xestiona a navegación aérea en España, para proporcionar datos de continxencia en voo aos controladores.

PUBLICIDADE