O prazo para poder optar a un dominio .gal a partires do 25 de xullo remata o vindeiro venres

luns, 7 de xullo do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 152.9 KB
Membros da directiva da Asociación PuntoGal no Parlamento de Galicia durante a sesión na que a institución manifestou o seu apoio ao dominio .gal

A partires do vindeiro 25 de xullo activaranse unha serie de dominios de Internet baixo o sufixo .gal, que corresponderán a unha selección de institucións, empresas e colectivos comprometidos coa lingua e a cultura galegas e representativos da nosa sociedade que, para poder estar entre o reducido grupo de só 90 escollidos deben solicitar a súa adhesión ao Programa Pioneiros .gal, para o que remata o prazo de presentación o vindeiro venres.
A Asociación PuntoGal prorrogou uns días o prazo de presentación de solicitudes para sumarse ao seu Programa Pioneiros para facilitar que algunhas entidades que manifestaran a súa intención de participar puidesen adoptar formalmente a decisión de adherirse ao Programa a tempo, para así poder gozar dun dominio .gal de xeito preferente durante máis de 4 meses, xa que a disposición xeral do dominio .gal non será até primeiros do mes de decembro.

JPEG - 159.3 KB
Unha representación da Asociación PuntoGal visitou as instalacións do Valedor do Pobo para animar á institución a participar no Programa Pioneiros .gal

Moitas son as entidades que xa manifestaron publicamente o seu interese en participar no Programa Pioneiros, para iniciar a súa presenza en liña baixo o dominio .gal a partires do verán, como as Universiades galegas, varios concellos, organizacións relativas á lingua galega, algún medio de comunicación e incluso entidades deportivas, deixando claro o apoio social que foi fundamental para que do dominio .gal conseguise plasmarse nunha realidade.
Antes do rexistro xeral de dominio .gal existirán unhas fases de lanzamento que comezarán a desenvolverse a mediados do mes de setembro, e que permitirán que as entidades poidan protexer as súas marcas e nomes de dominio antes de que estean dispoñibles por un mecanismo que só dará prioridade segundo a orde de chegada dos rexistros. Deste xeito, empresas, institucións públicas, particulares, asociacións... poderán evitar a usurpación dos dominios .gal que queiran comezar a explotar a partires do mes de decembro.

PUBLICIDADE