O portal Proxector achega unha manchea de contidos para celebrar o Día da Fascinación polas Plantas

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

As especies vexeitais centran o novo especial do portal divulgativo Proxector neste mes de maio, coincidindo coa celebración (o día 18) do Día Internacional da Fascinación polas Plantas, xornada conmemorativa que pretende poñer o foco na importancia da investigación en botánica para a sociedade, a economía e o medio.
Sobre este tema xira a nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Titúlase De que nos falan as plantas? e xunta unha ducia de recursos audiovisuais dirixidos a diferentes niveis educativos que amosan, desde un punto de vista científico, o relevante papel das plantas.
O especial propón unha viaxe por laboratorios, hortos urbanos ecolóxicos e os xardíns descoñecidos da Costa da Morte, e, por suposto, fai unha parada na figura de Baltasar Merino, o maior coñecedor da flora galega e autor de Flora descriptiva e ilustrada de Galicia (1905-1909).
Esta entrega inclúe varias pezas audiovisuais que nos axudan a entender que son as plantas, a súa función reprodutora e as súas cores. Tamén se incorpora unha peza dos profesores Xacobo de Toro e Noemí Díaz para facer unha práctica de campo virtual en vídeo 360º que axuda a identificar especies invasoras e mais cantos de aves autóctonas.
Xúntanse tamén varios contidos que explican algúns traballos de diferentes departamentos das universidades galegas: o do Departamento de Ecotoxicoloxía da Facultade de Bioloxía da USC, que mide o nivel de contaminación do aire ou da auga a partir de diferentes variedades de musgo; o do Grupo de Investigación de Análise e de Conservación da Biodiversidade da USC, que elaborou un mapa de microrreservas de flora ameazada ao longo de toda a Costa da Morte, ou o do Grupo Divulgare da Universidade de Vigo sobre o mundo dos polimorfismos florais.
Ademais, nesta entrega hai un recurso que ensina cales son as mellores técnicas e condicións ambientais para crear un horto urbano (cal é o mellor espazo e como se debe planificar, así como cales son os principais factores que se deben ter en conta para que os resultados sexan óptimos).
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con preto de 1.600 materiais publicados dunha manchea de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE