O polígono de Milladoiro reforzará a súa vertente TIC cun centro de coworking

martes, 7 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Ames vai contar este ano cun novo espazo traballo colaborativo (coworking) e de emprendemento innovador. A iniciativa, impulsada polo Concello con vistas a integrarse no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, estará situada no polígono de Milladoiro e terá entre os seus obxectivos “revitalizar o impulso da promoción económica local” e loitar contra o desemprego. Segundo informou o Goberno de Ames, o centro xestionaríase a partir dos fondos da Deputación. Ao fío deste proxecto e do seu fortalecemento, o Concello vén de acordar con Santiago Sur Galicia a adquisición do local no parque empresarial Novo Milladoiro.
O centro acubillará profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores. A idea é achegarlles as vantaxes do traballo grupal e de compartiren o mesmo espazo: fomento de sinerxías, intercambio de habilidades e recursos, espírito de comunidade, etc.
Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións poderán realizar o seu traballo de maneira individual nunha zona colectiva con acceso a Internet e outros servizos, ou nun espazo máis privado. “O novo espazo”, informa o Concello, “exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o illamento e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames”.
O centro estaría incluído na rede provincial da Deputación de xeito que se coordine con todos os acubillos de traballo integrados na mesma, dotándoos de servizos homoxéneos, programas de consolidación e medre das empresas aloxadas, metodoloxía común, imaxe única e coordinada e traballo en rede.
O local, propiedade de Santiago Sur Galicia (SSG), estaría situado na entrada do polígono Novo Milladoiro na rúa das Hedras e a carón dos lofts onde teñen a súa sede boa parte das empresas tecnolóxicas da contorna compostelá (boa parte delas adicadas ao desenvolvemento e consultoría TIC), o que contribuiría a impulsar o espírito innovador do novo centro de coworking. Segundo informa o Concello, “a elección do local responde ás amplas instalacións que ofrecen grandes oportunidades para o seu uso, como espazo de traballo, ademais de estar ben situado a nivel de comunicacións e transporte, contar con áreas verdes e amplas zonas de aparcadoiros e unha implantación estábel de empresas do sector tecnolóxico”. O acubillo de traballo colaborativo ocuparía 400 m2 con servizos de Internet, reprografía, servizos de asesoramento personalizado, ademais de dispoñer dunha sala de reunións multimedia, sala de espera e zona de descanso.

PUBLICIDADE