O papel puxante das mulleres nos videoxogos, ao detalle esta semana na UDC

luns, 8 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Todos os meses son os meses das mulleres, pero en abril a loita pola igualdade no dixital cobra especial significado, sobre todo pola celebración do Día das Rapazas nas TIC que se celebra o día 25 e da que falamos os días pasados dende Código Cero. Porén, non será a única cita destinada a mostrar as imprescindíbeis contribucións femininas ao ámbito dixital. Este día 10, sen ir máis lonxe, a Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC (salón de graos) acolle a xornada Tomamos o control? Mulleres detrás dos videoxogos, impulsada pola universidade coruñesa a través do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), con financiamento do Instituto da Muller (Ministerio da Presidencia).
A cita dará comezo ás 9.30 horas, coa presentación e apertura oficial do encontro, dando paso ś 10.00 horas a Mirella Díez, deseñadora de son en Remedy Games. A continuación, sobre as 11.00, será a quenda de Estrela Páramos, coordinadora do equipo de media en Ledisson AIT. Logo dunha pausa ás 12.00 horas, recomenzan as charlas cunha sesión-faladoiro da man de María Fernández, creativa en Gato Salvaje, e máis Luz Castro, responsábel de Imaxin Software e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Logo do xantar, ás 16.00 horas, celebrarase un obradoiro, centrado desta volta no desenvolvemento e presentación do documento de concepto dunha idea para un videoxogo. Esta actividade realizarase en colaboración coa asociación MOLab. A asistencia ao obradoiro é de balde, previa inscrición no correo cexef@udc.es. Segundo informan as organizadoras do encontro, o programa de charlas devandito compleméntase, no primeiro andar da facultade, cunha exposición sobre mulleres sobranceiras da industria dos videoxogos.

PUBLICIDADE