O operador Adamo quere achegar fibra en 38 concellos de Lugo

martes, 6 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Representantes de Adamo Telecom, operador sueco de telecomunicacións en activo dende 2004, reuníronse hoxe coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, para explicarlle polo miúdo a súa axenda de actuacións para a nosa terra, máis polo miúdo o seu plan de despregue de fibra óptica en 38 concellos da provincia de Lugo, unha actuación que se vai desenvolver de maneira paulatina durante os vindeiros tres anos. Como lembraremos, centra boa parte da súa actividade en fornecer fibra óptica FTTH (Fiber To The Home), telefonía fixa e telefonía móbil.
Adamo opera en España con rede de seu e a través de redes neutras en algunhas áreas xeográficas, por exemplo a través da rede Asturcon, que lle valeu para subministrar servizo ás zonas da conca mineira de Asturias. Pasa por ser a primeira compañía do sector que ofreceu 100 Mbps. Dende 2007 conta con matriz española, que se separou da compañía sueca en 2010 converténdose en Adamo Telecom Iberia S. A.
Volvendo á xuntanza con Mar Pereira, esta fíxolles saber que a Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, “especialmente nas zonas menos rendíbeis” para as empresas do sector, por ser illadas, orograficamente complexas ou por atesourar menos poboación potencialmente usuaria cás cidades.

PUBLICIDADE