O obradoiro de pilotaxe de drons do CPEIG chega estes días a media ducia de concellos

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os concellos de San Sadurniño, Cerceda, Valga, Celanova, Ribadeo e Vimianzo van acoller este mes de setembro actividades formativas para encarar con creatividade e innovación o inicio do curso académico. Trátase dun obradoiro para capacitarnos no desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados. A xornada Pilotaxe de drons, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (ao abeiro do seu programa Tech Kids), a axencia AMTEGA (rede CeMIT) e mailos devanditos Concellos, está especialmente dirixida a nenas e nenos de 12 a 16 anos.
A actividade insírese no programa Tech Kids, que impulsan o CPEIG e AMTEGA nos nosos municipios até setembro (dende xullo) e que xiran arredor de robótica, creación de personaxes para videoxogos ou pilotaxe de drons.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar sesións de iniciación na pilotaxe de drons. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados celébranse este mes de San Sadurniño (día 8), Cerceda (día 10), Valga (día 11) e Celanova (día 12) . Tamén haberá cita cos drons en Ribadeo o 13 de setembro e en Vimianzo o día 14.

PUBLICIDADE