O mini-PC libre e limpo de iUnika sairá este 13 de maio a un prezo duns 130 euros

martes, 5 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Ideal para quen se manteña firme no seu rexeitamento do software propietario de sempre e máis nunha procura de prezos máis accesibles e fontes de enerxía distintas das máis estendidas (e, casualmente, máis perniciosas para o medio), o mini-PC que está a piques de presentar no mercado a marca iUnika semella estar estes días en boca de todos. Vémolo no Blog Alternativo, no caderno en liña de Roberto Brenlla, detallado polo miúdo, e vémolo nas comunidades Barrapunto e Menéame, onde se están a xerar xa interesantes debates sobre a quen vai dirixido e que vantaxes podería ofrecerlles aos nenos e nenas do país. Estas, alén de que loxicamente non poderán ser comparables ás de ordenadores de envergadura, non parecen ser poucas.
Para comezar, pesa só 700 gramos e combina software cen por cen libre de máis que probada calidade, baseado en GNU/Linux, e tirando proveito todo isto da enerxía xerada polo sol (inclúe placa solar). Asemade, está feito sobre plástico de tipo natural, unha materia que non incrementa os gases do efecto invernadoiro e inclúe servizos de mobilidade a través de conectividade GSM.
O mini-PC, que se vai presentar de xeito oficial na segunda edición do encontro LibreMeeting que se celebra en Madrid, está fabricado pola empresa iUnika, compañía de construción de hardware que pasa por ser a primeira que se comprometeu de xeito exclusivo a empregar software libre en todos os seus aparellos.
Por certo que iUnika, para quen non saiba onde situala, é unha empresa ao estilo da galega Blu:sens no sentido de que tira proveito da cada vez máis boa sintonía entre Oriente e Occidente en materia de colaboración comercial: ten sedes en España, China e Hong Kong. Polo que respecta ao prezo do produto que está a piques de presentar, dicir que sairá a un prezo duns 130 euros. Por certo que o computador en cuestión semella vir máis a conto que nunca, tendo en conta o moito que se está a falar estes días dunha máis que probable iniciativa do Goberno español para seguir o ronsel de Brasil, Portugal ou Uruguai no camiño de levar un ordenador a cada nena e neno de Primaria. Cómpre sinalar que esta iniciativa non está a ser todo o ben recibida que podería agardarse entre a comunidade internauta, que lle reclama aos seus responsables directos máis trato cos desenvolvedores de software libre. Precisamente, este (o de ollar máis para produtos como o de iUnika) é para o blogueiro Roberto Brenlla o vieiro que debería seguir o Goberno español, un camiño de ética fóra de toda dúbida, e máis aínda cando se está a falar dun aparello que é ecolóxico e que xera emprego endóxeno de alta cualificación.
Estas son as características técnicas do aparello:
Procesador: MIPS 600 mhz
RAM: 256/512 MB
HD SSD 4/32 GB
Ranura SD
Saída TV
3 portos USB
E/S audio
Pantalla LCD 7’’
Webcam
LAN RJ-45
WiFI
GPS
GPRS

PUBLICIDADE