O investigador do CITIC Carlos Gómez, novo socio de honra da Real Sociedad Matemática

luns, 20 de febreiro do 2023 S. P.

A Real Sociedad Matemática Española aprobou en xunta xeral o nomeamento do catedrático da Universidade da Coruña e investigador do CITIC Carlos Gómez Rodríguez e do académico Guillermo Rojo Sánchez como novos socios de honra.
Carlos Gómez, Premio Nacional de Investigación para Jóvenes María Andresa Casamayor na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación, foi recoñecido “pola orixinalidade e o impacto das súas aportacións ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornos dixitais propios da intelixencia artificial”.
Pola súa banda, Guillermo Rojo é académico de número da RAE, letra N. Elixido o 27 de xaneiro de 2000, tomou posesión o 7 de outubro de 2001 co discurso titulado El lugar de la Sintaxis en las primeras Gramáticas de la Academia. É doutor en Filoloxía Románica, catedrático de Lingüística Española e profesor emérito na Universidade de Santiago de Compostela. Foi a persoa chave na RAE para consolidar a relación entre a RAE e a RSME, iniciada a raíz do convenio de colaboración firmado en 2016, chegando a unha estreita colaboración na actualidade.

PUBLICIDADE