O investigador da UDC Pablo Montero recollerá en Nova York dúas relevantes distincións

venres, 16 de novembro do 2018 Redacción

Pablo Montero, investigador da Universidade da Coruña e pertencente ao grupo MODES que coordina dende o Centro de Investigación TIC (CITIC) o catedrático Ricardo Cao, recibirá os días vindeiros dous importantes recoñecementos. Trátase do Premio ao Mellor Estudante de Doutoramento e o segundo Premio na competición internacional M4 que organizan en Nova York a Universidade de Nicosia e máis a NYU Tandon School of Engineering.
Estas distincións serán entregadas o 10 de decembro en Nova York, precisamente, a onde acudirá Montero para recollelas. Como lembraremos, viñeron dadas polo traballo desenvolvido polo investigador galego na Universidade de Monash, en Melbourne (Australia), xunto co investigador Thiyanga Talagala e os profesores George Athanasopoulos e Rob Hyndman.
Respecto do programa da conferencia M4, será un evento tecnolóxico internacional de primeira liña, incluíndo a presenza de destacados oradores das principais compañías do mundo de software e tecnoloxía, como Google, Microsoft, Amazon, Uber e SAS, así como académicos de universidades referenciais, que debaterán sobre os últimos avances en métodos de predición (forecasting).
A competición M4 na que participou o investigador da UDC está aberta a profesionais e investigadores de todo o mundo. Segundo informa a Universidade da Coruña, a finalidade é facer predicións dos valores futuros de 100.000 series temporais facilitadas pola organización procedentes de áreas de finanzas, macro e microeconomía, industria e datos demográficos. Os participantes envían as súas predicións e a organización, que dispón dos valores futuros reais das series, determina cales son os mellores participantes dunha maneira obxectiva, medindo o que se desvían as súas predicións da realidade mediante unha fórmula matemática.
Nesta edición, segundo explica Pablo Montero, fíxose especial fincapé na “reproducibilidade científica dos resultados”, isto é, “que os métodos que participaron fixéronse públicos para que tanto o mundo académico como a industria se poidan beneficiar dos últimos avances na área”.
Participaron equipos de 17 nacionalidades distintas, tanto individuais como grandes empresas e universidades como a Universidade da Coruña, Bath ou Oxford.
Como dixemos, Pablo Montero competiu cun equipo formado por membros da Universidade de Monash, en Melbourne, Australia: a estudante de doutoramento Thiyanga Talagala e os profesores desta universidade George Athanasopoulos e Rob Hyndman. O método proposto por este equipo Monash-UDC acadou o segundo premio na categoría absoluta medindo a precisión das predicións. Pola súa parte, Montero conseguiu o premio ao Mellor Estudante de Doutoramento, patrocinado pola empresa Uber, por ser o mellor método proposto por un estudante.

PUBLICIDADE