O investigador José Antonio Iglesias Guitián obtén unha axuda Ramón y Cajal

luns, 2 de setembro do 2019 Redacción

O investigador José Antonio Iglesias Guitián, vindeiro integrante do equipo do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC), vén de obter un importante recoñecemento á súa traxectoria e ao seu labor en materia de recursos de computación avanzada. Máis en detalle, obtivo unha axuda Ramón y Cajal da Axencia Estatal de Investigación, un dos apoios de captación e consolidación de talento máis prestixiosas a nivel nacional. A resolución provisional das axudas foi publicada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades este mes de agosto.
As axudas están dirixidas á incorporación de investigadores estranxeiros ou españois cunha traxectoria destacada en centros de I+D, por un período máximo de cinco anos. Para recibilas, as e os candidatas/os deberán demostrar unha traxectoria científico-técnica relevante a nivel internacional.
José Antonio Igresias é investigador en Ciencias da Computación e incorporarase en setembro ao CITIC a través do programa Intalent, programa de colaboración entre a UDC e Inditex para a contratación de investigadores post-doutorais con proxección e ampla traxectoria internacional. Até a data, traballou no Centre de Visiò per Computador (CVC) e foi investigador asociado da Universidade Autónoma de Barcelona, colaborando tamén como docente. A súa actividade investigadora actual céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a súa aplicación en simuladores virtuais. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research.
Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, 9 dos cales foron incluídos no top 3 na lista de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de 3 patentes en USA e foi galardoado cun Disney Inventor Award (2016). Ademais, participou en varios proxectos europeos, nacionais e internacionais, así como en proxectos de transferencia.

PUBLICIDADE