O grupo SSI da Uvigo crea un recurso tecnolóxico para introducirnos como protagonistas en feitos históricos

mércores, 19 de decembro do 2012 Redacción

O grupo de investigación da Universidade de Vigo Servizos para a Sociedade da Información (SSI), pertencente ao departamento de Enxeñaría Telemática, está a liderar un proxecto europeo para achegar o estudo e coñecemento da Historia á cidadanía en xeral a través do uso das novas tecnoloxías. Esta iniciativa, coñecida como Reenact, conta co profesor Martín López Nores en labores principais de impulso e coordinación. Basicamente, o que se achega con este proxecto é a posibilidade de vivir un acontecemento senlleiro do pasado na nosa propia persoa, virtualmente falando, claro. Máis polo miúdo, segundo informa de xeito exhaustivo a Universidade de Vigo, o obxectivo principal é crear e probar un dispositivo tecnolóxico que permita mellorar a comprensión de feitos históricos a través de experiencias colectivas. A liña de saída son as guerras sen conto que configuraron a evolución da humanidade.
Para encher os devanditos baleiros de coñecementos en Historia, o grupo SSI propuxo xuntar un grupo de persoas e involucralas na recreación de batallas, guiadas por dispositivos móbiles táctiles que lles acheguen unha visión de realidade aumentada semellante á de un xogo de rol en liña con moitos participantes. En palabras do dito profesor, “é como darlle a volta a unha luva e poñela co de dentro para fóra”.
Durante a recreación, os usuarios moveranse por un espazo determinado seguindo as instrucións que lle marcan os móbiles e tomando decisións segundo o rol que lle toque desenvolver no xogo. Os participantes, engade a Universidade, poderán ver a súa posición e a dos compañeiros e inimigos no campo de batalla no que se sitúen elementos adicionais que se superpoñerán á contorna real.
Os movementos dos xogadores fican rexistrados para que logo varios expertos lles expliquen ata que punto a recreación reflicte realmente o acontecido na historia, axudándolles a identificar os aspectos salientábeis que inclinaron, nunha liorta, a balanza cara a un lado ou cara a outro. Na última parte do xogo abrirase un debate colectivo sobre as consecuencias dos conflitos nas que os xogadores poden, cos seus móbiles, participar e comprobar até que punto sería distinta a historia se os acontecementos foran diferentes.
A iniciativa forma parte do proxecto Experimedia, centrado en investigar sobre as tecnoloxías e a Internet do futuro, as redes sociais, a realidade aumentada, a xeolocalización, a web semántica ou a personalización de contidos sempre ligado a eventos moi concretos.

PUBLICIDADE