O evento Meninas Jam homenaxeará o legado artístico de Ferrol e o artista Eduardo Hermida

xoves, 9 de xullo do 2020 S. P.

Crear videoxogos colectivamente nun período de tempo previamente fixado, ao tempo que se mostra o importante talento que hai na nosa terra ao servizo da creación de propostas para gamers. Este é o gran obxectivo do evento virtual Meninas Jam, que organizan o Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña xunto coa asociación Videoxogo.gal.
A organización, o profesorado do mestrado da UDC que se imparte na Escola Politécnica Superior, no Campus de Ferrol, e máis a devandita asociación, xuntaron forzas (con esta iniciativa) para fomentar o espírito creativo e o interese polo desenvolvemento de videoxogos.
Esta Game Jam leva o nome de Meninas “como homenaxe ao evento iniciado en Ferrol polo pintor Eduardo Hermida, que se converteu nun referente artístico e cultural nunha cidade que inspira algúns dos temas propostos para a creación dos xogos”, segundo explica a docente Luz Castro, co-impulsora desta innovadora experiencia de traballo colectivo e virtual, que comezará o 18 de xullo coa elección do tema dos videoxogos que se van crear. O 25 deste mes é a data límite para subir as propostas de xogos que un xurado valorará e votará o día 31, para dar por finalizado o evento ao día seguinte.
Esta jam está co-organizada pola UDC xunto coa Asociación Galega de videoxogos e Contidos Interactivos. Nacida en 2018, a entidade reúne ás empresas, persoas desenvolvedoras de lecer dixital e outros axentes galegos do sector. O seu reto compartido é potenciar a industria dos contidos interactivos en Galicia.
Ampla experiencia na materia da UDC
A iniciativa xorde polo interese cada vez maior da Universidade da Coruña polas posibilidades creativas, participativas e de negocio que ofrece este tipo de lecer dixital, unha industria emerxente e grandes posibilidades na nosa terra, con grandes e prometedores talentos. A este respecto, a UDC lembra que conta cunha importante oferta para a formación de profesionais orientados a esta industria tecnolóxica. Así, en 2018 púxose en marcha o Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, unha formación pública e oficial de dous anos de duración que se empraza na Escola Politécnica Superior do Campus de Esteiro en Ferrol.
As Meninas de Ferrol dan nome a este evento, e a cidade inspira algúns dos temas propostos para a creación dos xogos. A temática definitiva será escollida por votación entre os participantes da jam ao inicio das sesións.

PUBLICIDADE