O empresariado TIC galego recibe formación para consolidarse no mercado
xoves, 3 de xuño do 2010
Os empresarios e empresarias galegas que onte se
achegaron ata Compostela para participar nun encontro con BIC Galicia que a
Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías
(EGANET) lles tiña preparado, saíron da xuntanza con bo sabor de boca, ao ter
recibido información de utilidade para consolidar as súas empresas e facelas
destacar no mercado.
Este encontro, no que máis de vinte empresas TIC do país
recibiron información de utilidade da man de representantes da entidade BIC
Galicia, tiña como principal obxectivo apoiar a consolidación e o crecemento
das empresas do sector TIC e transferir a experiencia de expertos do mundo da
empresa ás firmas empresariais.
Para isto, a responsable da Rede Mentoring, Placeres
Conde, mailo director de Área do organismo, Jacobo García, ambos os dous de BIC
Galicia, explicaron os programas de apoio á consolidación empresarial que están
a levar a cabo, así como a dinámica da mentorización de empresas e os
beneficios de participar na Rede Mentoring para as empresas de novas
tecnoloxías asistentes ao encontro.
A Rede Mentoring, segundo explicou, “ten como obxectivo a transferencia de coñecementos entre expertos do
mundo da empresa, persoas cunha ampla traxectoria profesional, e empresas que
queiran medrar, ampliar mercados ou mellorar a eficacia nos seus procesos”.
Asemade, engadiu, “calquera
empresa galega que estea en fase de crecemento e consolidación e que teña unha
necesidade estratéxica concreta, pódese unir á Rede”, e aproveitarse así
das vantaxes que ofrece o organismo.
Por outra banda, no encontro tamén se deron a coñecer as
características do Taller de Dirección
Estratéxica, destinado a empresas nos seus primeiros anos de funcionamento,
que inclúe un taller formativo de 40 horas (5 módulos de 8 horas), unha fase de
mentorización e unha xornada de negocios.
Este desenvólvese baixo a organización de asociacións
empresariais, como EGANET, que levará a cabo o obradoiro no vindeiro mes de
setembro, co valor engadido de que o conxunto das empresas participantes
pertenzan ao sector das TIC para conseguir unha mellor resposta ás súas
necesidades, inquietudes e dúbidas.
Na imaxe, de
esquerda a dereita, Víctor López (presidente de Eganet), Jacobo García e
Placeres Conde (ambos os dous de BIC Galicia).