O conselleiro delegado de R sostén que o compromiso da operadora con Galicia é inquebrantábel

luns, 10 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Este luns 10 de febreiro celebrouse un novo coloquio da Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, un encontro empresarial que contou coa presenza do conselleiro delegado de R e do Grupo Euskaltel, José Miguel García, que debullou as Claves para competir nunha contorna global dixital ante un nutrido grupo de directivas e directivos das empresas galegas. García apoiou parte da súa intervención nun dos grandes obxectivos da operadora de telecomunicacións con respecto ao tecido produtivo da súa contorna (a nosa): “Queremos que as empresas galegas sigan medrando con R grazas á nosa expansión nacional”. Segundo explicou, o crecemento da operadora, un proceso que vai seguir “un modelo operativo único e eficiente”, será un elemento de impulso para as firmas da nosa terra.
Tamén fixo saber que, alén da folla de ruta para o espallamento de R e do grupo do que forma parte (Euskaltel), o compromiso de R con Galicia “é inquebrantábel e tradúcese en máis de 1.300 millóns de euros investidos dende o seu nacemento nun proxecto que xa chega a preto de 140 municipios da Comunidade Autónoma”.
Tras ser presentado pola presidenta do Círculo, Patricia García e por David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, García puxo o foco en como a aparición das novas tendencias está a transformar os hábitos dos consumidores: “Os servizos OTT están a impulsar unha conversión radical en gran cantidade de sectores e ningunha persoa nin empresa pode obviar esta realidade; temos que adaptarnos e tirar o máximo partido da transformación para facer a nosa vida máis fácil e optimizar os nosos negocios”, asegurou.
Segundo engadiu, a expansión do grupo polo resto do territorio estatal onde “aínda non estamos presentes” será un factor clave tamén en Galicia, “porque seguiremos dando percorrido a este compromiso permanente co desenvolvemento do tecido empresarial galego”.
Tamén explicou que a fórmula de crecemento en España aséntase na fórmula de compartir redes con outros operadores “e consolidarnos como a única empresa do sector deslocalizada de Madrid”. Trátase, dixo, “dunha oportunidade de mercado única que non podemos deixar pasar”.

PUBLICIDADE