O comercio de Allariz formase en vendas online

luns, 15 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Allariz impulsou, a través da súa Área de Comercio e Promoción Económica, unha actividade formativa para axudar aos establecementos locais a transformarse tecnoloxicamente e abrir mercados a través da Rede. Trátase dun curso de 20 horas no que van participar xa 15 alumnas e alumnos pertencentes ao sector do comercio alaricano. A formación realizarase a través dunha plataforma en directo, para que os asistentes podan interactuar coma se dunha formación presencial se tratase.
O programa do curso inclúe; unha análise dos patróns de compra en liña, cales son as canles para este público máis usadas (Facebook, Instagram, Whatsapp, emailing, páxina propia, marketplaces locais) e formación básica nunha ferramenta de deseño fácil e intuitiva (Canva).
O obxectivo é afondar no valor de cada rede e tirar o máximo proveito destes servizos en materia de mercadotecnia, competitividade e rendibilidade. Todos as alumnas terán a súa disposición tempo de titorías individuais para a resolución de dúbidas
Dende a Concellería de Comercio de Allariz sinalan que a situación actual provocada pola pandemia vén de acelerar o paso á dixitalización “xa coma unha necesidade e creen que iniciativas deste tipo contribúen a mellorar o comercio local para dar un mellor servizo”.

PUBLICIDADE