O buscador galego Classora permítenos inserir rankings nos nosos blogs

venres, 17 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

JPEG - 112.6 KB
Un dos rankings de Classora incrustado nun blog

Classora, o buscador intelixente de raizame galega, segue a ser fonte de novidades no seu camiño cara a converterse en alternativa directa e eficaz aos procuradores que, como Google, seguen sen ser a resposta a tódalas nosas necesidades (calquera pode velo con cada operación de busca que sexa un pouquiño máis enleada do normal, onde a palla acapara todo e o gran non aparece). Segundo nos contan os responsables da ferramenta dende o seu blog, xa está a disposición de toda a comunidade internauta o código HTML de Classora para inserir o widget que permite dar acubillo, dende o noso caderno en liña, ás clasificacións ou rankings que son piares fundamentais do buscador galego.
O código está dispoñíbel en cada páxina de listaxes ou unidades de coñecemento de Classora, xusto no apartado especificado como Inserir noutra web.
Segundo informa o equipo do galego Iván Gómez, socio fundador da dita iniciativa de procuras intelixentes, o feito de inserírmonos unha clasificación cun widget procedente deste procurador achéganos unha serie de vantaxes. En primeiro lugar e máis importante, contan, teremos a listaxe en cuestión totalmente actualizada, cousa que ten especial relevancia se a clasificación está suxeita a trocos constantes, como no caso das deportivas de toda índole. En segundo lugar, cómpre sinalar que o que se nos entrega é o ranking en cuestión xa maquetado, incluíndo imaxes, e complementado con datos engadidos e ligazóns ás unidades de coñecemento de Classora. Por certo que no blog de Classora, no apartado no que se informan destes servizos, subminístranse exemplos dos resultados e feituras finais deste fornecemento de clasificacións, tanto na súa versión deportiva, como no que se refire á música (neste caso concreto, a Eurovisión) ou a práctica do xogo e á elección da mellor das consolas. “Até o de agora”, engádese, “hai dous tipos de widgets en Classora, por unha banda os de rankings e informes e, pola outra, os de coñecemento; agardamos paseniño ir incorporando novas funcionalidades para que poidades compartir consultas avanzadas, mapas ou gráficos de tipo ineractivo, entre outras cousas”.

PUBLICIDADE