O alumnado do programa Espazo Compartido da UDC visita o CITIC
luns, 18 de novembro do 2019
O
Centro de Investigación TIC (CITIC) segue dándolle continuidade á
súa liña de divulgación integradora e diversa e de estímulo dos
talentos investigadores: as futuras e os futuros representantes do
noso tecido innovador e tecnolóxico. Nesta liña situouse a xornada
de portas abertas cun grupo de alumnas e alumnos do programa Espazo
Compartido da Universidade da Coruña, que visitaron
o pasado venres a sede do centro TIC no Campus de Elviña.
A
experiencia iniciouse cunha presentación do centro por parte do
subdirector, Javier Pereira. Logo, o alumnado puido visitar a sala
showroom do centro, onde os estudantes tiveron a oportunidade
de probar diferentes aplicacións desenvolvidas con tecnoloxía de
realidade virtual e interacción co mundo físico a través da
plataforma Scratch e dispositivos como Micro:Bit. Tamén puideron
explorar contornas de inmersión con lentes de realidade virtual para
experimentar novas sensacións.
Espazo
Compartido é un programa de formación en habilidades persoais,
sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e o fomento
da inclusión laboral de mozas con diversidade cognitiva. Está
promovido pola Universidade da Coruña a través do Centro
Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE). Trátase
dun proxecto pioneiro no sistema universitario autonómico e un dos
primeiros a nivel nacional. O seu obxectivo principal é “incluír
a persoas con características cognitivas diversas no espazo formativo
universitario” e pretende, en última instancia, “que os
estudantes avancen na construción dunha autoimaxe positiva e dun
proxecto de vida que lles permita desenvolverse de maneira autónoma”.