O TS rexeita suspender a elección da Coruña sede da AESIA

venres, 14 de xullo do 2023 S. P.

O edificio da Terraza, na Coruña, que albergará a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

A Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo (Tribunal Supremo) denegou a suspensión cautelar solicitada polo Concello de Granada da executividade do acordo do Consello de Ministros do 5 de decembro de 2022 polo que se elixiu á Coruña como futura sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia artificial (AESIA). A Sala considera que “non hai riscos de que se produza unha situación irreversíbel “e que “tampouco concorre a aparencia de bo dereito para a adopción da medida cautelar exposta polo Concello granadino”.
Lembrar que este Consistorio recorreu o acordo do Consello de Ministros o 23 de febreiro 2023 e meses máis tarde, o 22 de xuño de 2023, solicitou a suspensión cautelar do mesmo porque entendía que, en caso de non acollerse á súa petición, podería perder a súa efectividade a eventual sentenza estimatoria que o Tribunal Supremo ditase cando resolvese o seu recurso.
A Sala rexeita a suspensión cautelar solicitada e aplica o mesmo criterio que no auto denegatorio que resolveu a petición de medidas cautelares respecto á designación de Sevilla como sede da Axencia Espacial Española.
Sinala que neste caso “a resposta tamén debe ser negativa”, non pola afectación ao interese público alegada polo Avogado do Estado, senón pola argumentación relativa respecto a que “nin sequera se creou a axencia AESIA, respecto ao que mostra coincidencia o Concello de Granada” cando expón que a mera suspensión da localización, que non do proxecto de creación da axencia nos seus trámites meramente xurídicos, “non pode considerarse contrario ao interese público”.
Como lembraremos, o solicitude do Concello de Granada foi anunciada a finais de 2022 e consistiu no inicio de accións xudiciais ante a designación da Coruña como sede da AESIA, accións apoiadas pola Administración local, a Universidade e as entidades empresariais de Granada. Segundo fixeron saber, a decisión de levar a AESIA á Coruña é “unha acción inxusta coa cidade andaluza”, que presentou unha candidatura que a xuízo dos impulsores destas accións xudiciais, era mellor e máis idónea cá da cidade galega.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou daquela a súa intención de non entrar en discusións e anunciou que a súa actividade íase limitar, neste sentido, a defender a opción herculina. “A Coruña non vai entrar en polémicas con outras cidade, aínda que é entendíbel que o que non fose elixido teña un sentimento de frustración", sinalou, engadindo que “presentamos unha candidatura sólido e solvente e a comisión técnica elixiu esta candidatura por unanimidade e os criterios foron publicados no BOE con absoluta transparencia". Rey salientou tamén o traballo do Goberno: agradecer tamén o labor do Gobierno: "Foi un proceso exemplar que permite que teñamos un Estado plural e descentralizado".

PUBLICIDADE