O encontro internacional de tecnoloxías emerxentes TEK-FEST, que esta semana desenvólvese en Pontevedra, chegou hoxe ao seu clímax cun simposio celebrado no Pazo da Cultura, onde unha serie de conferencias ocuparon a sesión matinal, servindo o escenario para dar conta de posibilidades que a tecnoloxía pode achegar á creación, á educación e á definición da cidade do futuro.
O simposio
A xornada abriu cun acto de apertura no que estiveron presentes Anabel Gulías, concelleira de Promoción da cidade, e Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Normalización Lingüística. Conduciu a sesión Manuel González, director do programa Zoom Net de TVE, quen deu paso a Pedro Medina e Javier Maseda, quen debuxaron os Escenarios de Futuro: da metrópole á cidade dixital.
Tras a pequena ollada ao futuro, Isabel Berz (IED Madrid Moda Lab) quixo abrir a porta a un novo modelo educativo baseado na innovación e na investigación, para o que expuxo o proxecto de Las Manuelas, que mediante a implicación de artesás peruanas conseguiu dar lugar á Plataforma CoDiseño que fomenta a colaboración creativa derrubando barreiras a través de medios dixitais, de xeito que os produtos que elaboran con la de alpaca e tinguidas artesanalmente buscan comercializarse globalmente.
Volvendo ás cidades do futuro, Javier Noguerol (CARTO) achegou a atención ao Big Data, e á necesidade de empregar mapas para poder interpretar a información, para o que tamén ten especial importancia a figura do data analyst, xa que a enorme cantidade de información que está a xerarse precisa de métodos que poida extraer información útil para axudar a un funcionamento eficiente das cidades, así como para predicir situacións para poder anticiparse.
Jimena Merino pechou a sesión matinal cunha charla na que ilustrou aos presentes sobre a democratización da realidade virtual grazas á emerxencia de dispositivos relativamente asumibles que facilitan que hoxe poidamos xerar contidos de imaxe e vídeo envolvente que logo compartir en plataformas sociais en liña, dando lugar a un social media inmersivo que incrementa as posibilidades da creación.
Actividades abertas ao público
Xa pola tarde o Pazo da Cultura serviu para acoller demostracións de solucións de realidade virtual comerciais, e un par de experiencias artísticas: unha performance sonora de José Manuel Costa e Toño Cabanelas na que se facía un percorrido sobre a historia do soportes sonoros do século XX e unha instalación interactiva baseada na iluminación de Miguel Espada.
No que á realidade virtual se refire, os asistentes podían probar en primeira persoa a completa experiencia que ofrece a solución de HTC Vive, que permite somerxerse en mundos virtuais da forma máis ambiciosa que ten un sistema orientado ao mercado de consumo pois, aparte de contar cun casco de VR, tamén inclúe sensores de posición, o que permite que o usuario poda moverse con certa liberdade, somerxéndose dun xeito moito máis profundo en mundos virtuais, tanto para vivir escenas con grande realismo como para poder interactuar tridimensionalmente con interfaces virtuais.
Pero para moitos dos presentes resultaba máis rechamante o feito de que estivese instalado un punto de demostración de PlayStation VR, casco de realidade virtual que en outubro sairá á venda, e que en Pontevedra podía verse en primicia, o que era unha boa oportunidade para comprobar o que ofrecerá unha tecnoloxía que busca invadir masivamente os fogares de todo o mundo, popularizando a realidade virtual dun xeito sen precedentes. Dende xogos de acción ata simulacións con toques cinematográficos permiten ofrecer unha proposta de lecer que nos vindeiros meses terá que pasar a proba do público.
Demo Day
Os pontevedreses que queiran achegarse a estas tecnoloxías de realidade virtual poderán achegarse mañá entre ás 16:00 e as 19:00 horas á Casa da Luz, para así experimentar os contornos inmersivos por si mesmos.

