O Smartbus de Huawei fixo unha parada en Vigo

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Huawei e o seu Smartbus, que levan de xira pola xeografía estatal dende outono do ano pasado (visitando 30 cidades e 70 colexios), fixeron hoxe unha parada en Vigo, ao abeiro desta segunda edición do seu periplo de divulgación tecnolóxica. A cita foi no Colexio Balaídos e nela participou, amais dos rapaces do centro, o alcalde da cidade, Abel Caballero. Segundo informou Huawei, o itinerario do Smartbus é un percorrido por centros docentes de toda España dirixido a fomentar a educación, as contornas tecnolóxicas seguras e a responsabilidade dixital.
Baixo o lema Comparte sen arriscarte Huawei España definiu a iniciativa como “un proxecto educativo dirixido a escolares”, que promove “un uso seguro e responsábel” das novas tecnoloxías entre nenos e adolescentes de entre 9 e 13 anos.
A cita deste xoves en Vigo foi a primeira parada dunha xira que abranguerá até finais de xaneiro outros centros de toda a Comunidade galega. Durante estes días, máis de 1.500 estudantes, pais e educadores atenderán as sesións didácticas que se impartirán na aula móbil dirixidas a concienciar sobre bo uso das TIC. Desde o pasado mes de setembro, o Smartbus pasou por nove Autonomías de España e acolleu as visitas de máis de 18.000 persoas.
Abel Caballero participou esta mañá na presentación porque “cando recibín a invitación de Huawei tiven claro que tiñamos que apoialos”, xa que “representa o futuro e o labor que está a facer nos colexios é moi relevante”, explicou. Acompañado por María Luisa Melo, directora de Relacións Institucionais e Comunicación de Huawei, o rexedor insistiu en que iniciativas como o Smartbus “achegan a tecnoloxía á sociedade e é importante que todos os actores, públicos e privados”. Caballero, amais, aproveitou a temática do encontro para lanzar unha proclama: “Traballemos conxuntamente para axudar aos máis novos a detectar e minimizar os riscos derivados do uso das novas tecnoloxías".
As actividades
As sesións que se desenvolven no vehículo intelixente teñen carácter formativo pero tamén lúdico. A súa duración é de 55 minutos, con 25 persoas por clase, e inclúen dous educadores especializados e experimentados, que levan a cabo unha aula escolar simulada no interior do Smartbus. Este conta con dispositivos como tabletas, smartphones e unha particular máquina de vending, que serven para o desenvolvemento de sete actividades ou dinámicas expostas durante a sesión informativa e didáctica.

PUBLICIDADE